esfinxe

esfinxe

(< lat sphinge < gr σϕίγξ)

  1. s f
    1. [ARQUEOL/MIT]

      Figura fabulosa con cara humana, busto de muller, garras de león, ás de aguia, corpo de león ou de can, e cola de león ou de dragón. Tanto a idea da esfinxe como a súa representación plástica naceron no Exipto faraónico. O exemplo máis antigo é a Grande Esfinxe de Gizeh, esculpida en época de Kefrén. Aínda que sen as súas proporcións xigantescas, cómpre destacar os dromos ou avenidas de esfinxes de Karnak e as localizadas en Nubia e Siria. Na época grecorromana apareceu un tipo de esfinxe alada. A popularidade que acadou este monstro na civilización grega fixo que se vinculase coa lenda de Edipo e co ciclo tebano; o heroe foi o único que conseguiu resolver o enigma que a Esfinxe lle formulaba os viaxeiros, feito que lle deu acceso ao trono de Tebas.

    2. [HERÁLD]

      Figura fabulosa que se representa con cabeza e peito de muller e corpo e gadoupas de león.

  2. s f [ANIMAL/ENTOM]

    Nome de diversos lepidópteros da familia dos esfínxidos, de corpo fusiforme e de ás longas e estreitas. Son de vida crepuscular e o seu voo vai acompañado dun ruído xordo por mor do seu rápido movemento de ás. O nome de esfinxe débese ao feito de que as larvas, tanto en estado defensivo coma de repouso, erguen a cabeza, o tórax e unha parte do abdome, de forma que adquiren o suposto aspecto das esfinxes exipcias. Moitos destes insectos son prexudiciais para os cultivos xa que as súas larvas son fitófagas.

  3. s f

    Persoa de carácter enigmático e inescrutable que non deixa adiviñar o seu pensamento.