esoutro -tra
(< ese + outro)
Forma amalgamada que resulta da combinación do demostrativo ese co cuantificador outro. Estas formas concorren coas correspondentes formas analíticas ese outro, esa outra, eses outros e esas outras (Tes que escoller esa conferencia ou esoutra/esa outra). No neutro non se produce a fusión, polo que as formas son sempre analíticas iso outro. O seu significado resulta da combinación do significado de ‘localización’, do demostrativo ese, co significado de ‘diferencia’, propio de outro. Así, emprégase sobre todo nas localizacións que se contrastan ou contrapoñen á posición de algo ou alguén mencionado ou implícito (Ti colle ese atallo, eu collerei esoutro. Eses títulos non os coñezo, e esoutros que están enriba da mesa tampouco). OBS: Contrae coas preposicións de e en dando lugar a desoutro, desoutra, desoutros, desoutras, nesoutro, nesoutra, nesoutros e nesoutras (Puxeron os arrandeadoiros desoutro lado da praza. Nesoutra cidade compramos queixo típico).