especia
(< lat specĭe)
Substancia aromática e estimulante do gusto, de orixe vexetal, utilizada para condimentar os alimentos. As especias caracterízanse polos seus compoñentes aromáticos, que poden conter aceites esenciais, alcaloides, resinas, terpenos, ácidos orgánicos, compostos sulfurados, etc. As especias tamén conteñen proteínas, graxas e hidratos de carbono. A maioría son de orixe asiática ou americana. Os gregos e os romanos xa coñecían o comercio de especias orientais. Na época de Alexandre transportábanse en caravanas a través de Asia pola ruta da seda. Cando este itinerario caeu baixo o control dos pobos iranoscitas, adoptouse o itinerario fluvial e marítimo polo Nilo, o Mar Vermello e o Océano Índico. A partir do s XII a pementa negra de Malabar e Ceilán, o xenxibre da India e de Arabia, a noz moscada e o cravo das illas das especias (Illas Molucas) e a canela de China e Ceilán acadaron unha inmensa sona en Europa. O comercio das especias pasou a ser sinónimo de comercio con Oriente e as Indias. Ata o s XV este comercio realizouse por vía terrestre, en caravanas transasiáticas que levaban os seus produtos a Accra, Antioquía e Alexandría; estes enviábanse a Venecia, Xénova e Barcelona. Interrompidas as rutas terrestres polas invasións mongólica e turca, a demanda europea impulsou as empresas dos descubrimentos do s XV, xunto coa procura do ouro. Os portugueses circunnavegaron África e revolucionaron o transporte das especias (1498-1515) ao facelo por vía oceánica directa; mantiveron este monopolio ata que, no s XVII, comezou a encargarse a Compañía Holandesa das Indias Orientais, mentres que o comercio veneciano polo Mediterráneo continuaba con alternativas. A difusión de novos alimentos vexetais e a introdución de estimulantes como o té, o café, o tabaco, etc, diminuíron a importancia das especias. Poden ser raíces, coma o xenxibre ou a cúrcuma; bulbos, coma a cebola ou o allo; codias, coma no caso da canela; follas, coma as de loureiro, maiorana e tomiño; flores, coma nos casos do azafrán e o cravo; ou froitos, como son a pementa, a pementa doce, a noz moscada, a mostaza ou a vainilla.