espiña

espiña

(

  1. s f [BOT]

    Apéndice agudo, duro e ríxido que presentan algunhas plantas. A espiña está lignificada e ten tecido vascular, a diferencia do acúleo, que é de orixe epidérmica.

    Sinónimos: espiño, pico.
  2. s f [ZOOL]

    Parte esquelética, dura e puntiaguda, que posúen moitos animais, destinada a formar parte do seu esqueleto e que lles serve para protexerse.

    Sinónimos: espiño.
  3. [ANAT]
    1. s f

      Apófise ósea longa e delgada.

    2. espiña alar

      Apófise espiñenta do esfenoide.

    3. espiña da omoplata

      Eminencia ósea de forma triangular, situada horizontalmente na cara posterior da omoplata.

    4. espiña da pube

      Extremidade externa da rama da pube.

    5. espiña de Spix

      Eminencia ósea do maxilar inferior, na parte superior do orificio interno do conduto dentario. Nel insírese o ligamento esfenomaxilar.

    6. espiña ilíaca

      Extremidade das cristas ilíacas. Distínguense as superiores, unha anterior e outra posterior, e as inferiores, tamén unha anterior e outra posterior.

  4. s f [PAT]

    Masa pequena de materia sebácea que obtura o conduto excretor dunha glándula sebácea cutánea. Esta obstrución das glándulas sebáceas crea un ambiente propicio para o desenvolvemento de bacterias; a infección e inflamación da pel provocadas coñécese co nome de acne. Tamén se coñece coloquialmente cos nomes de espiña brava ou espiña carnal.

  5. s f

    Cousa que produce unha gran dor moral.

  6. s f [ARTE]

    No circo romano, muro baixo que dividía lonxitudinalmente o centro da area, ao redor do que tiñan lugar as carreiras. Sobre ela situábanse estatuas, obeliscos, altares e outros elementos decorativos. Nos seus extremos están as metas, en que se situaban os ovaria cos que se contaban as voltas que faltaban por percorrer.

  7. espiña bífida [PAT]

    Deformación conxénita que consiste nunha fisura da raque, debido á falta de soldadura dun ou de máis arcos vertebrais. Existen tres formas principais da enfermidade: a espiña bífida oculta, en que só hai unha pequena fendedura nunha ou varias vértebras, a medula e os nervios son normais e é xeralmente asintomática; o meningocele, en que un quiste formado polas membranas que envolven a medula asoma pola abertura; e o mielomeningocele, en que o quiste inclúe raíces nerviosas e incluso parte da medula espiñal e que provoca parálise de grao variable en función da localización da lesión. O risco de padecer espiña bífida diminúe cunha alimentación equilibrada da nai durante o embarazo, cun contido de ácido fólico de 400 μg por día.

  8. espiña dorsal [ANAT]

    columna.

Frases feitas

  • Cravar unha espiña. Dicir a alguén algo desagradable.

  • Dar mala espiña. Facer desconfiar.

  • Estar na espiña/Quedar feito unha espiña. Estar moi delgado.

  • Non ter espiñas nin ósos. Ser doado.

Refráns

  • Non saques espiñas onde non hai espigas.
  • O que deixa a espiña no dedo, pode perdelo máis tarde ou máis cedo.