Esquerda Unida

Esquerda Unida
Nome científico: [EU]

Partido político fundado en 1985. Naceu dende a reformulación do Partido Comunista Galego (PCG), como consecuencia da fundación de Izquierda Unida en todo o Estado. Defendeu o dereito de autodeterminación dentro dun marco federal e republicano e, no eido político-social, centrouse na loita contra a precariedade do mercado de traballo e a redución da xornada laboral a 35 horas semanais. Nas eleccións autonómicas de 1989 obtivo 38.214 votos, o que supuxo un ascenso respecto aos votos acadados polo PCG-PCE en 1985 (10.625). En 1993 presentouse ás eleccións en coalición electoral con Unidade Galega, nun intento de encabezar un proxecto político de esquerda galeguista similar ao de Euskadiko Ezkerra en Euskadi. O seu líder foi Anxo Guerreiro ata 1997, ano en que un grupo, liderado por este, se escindiu do partido e fundou Esquerda de Galicia. Nas eleccións de 1997, EU-IU acadou soamente 13.964 votos. Nas eleccións ao Parlamento europeo de 1999, nas locais de 1999 e nas xerais de 2000, fortaleceu o seu apoio electoral, ata chegar aos 21.127 votos. En outubro de 2001 foi elixido como coordinador nacional Carlos Dafonte, candidato de EU-IU nas eleccións autonómicas de 2001, nas que viu reducido o seu apoio electoral a 10.431 sufraxios.