Esquerda Galega
Partido político que xurdiu en 1980 e que agrupou militantes da esquerda nacionalista, fundamentalmente procedentes da Unión do Pobo Galego (UPG), do Partido Obreiro Galego (POG), do Partido Galeguista (PG), do Partido Socialista Galego (PSG), do Partido dos Traballadores Galegos (PTG), do Bloque Nacionalista Galego (BNG), do Partido Comunista Galego (PCG) e do Movemento Comunista Galego. Presentouse como un partido á esquerda do PSOE, cun proxecto político non subordinado ao proxecto nacionalista. Nas eleccións autonómicas de outubro de 1981 acadou 33.439 votos, fundamentalmente nas zonas costeiras e industriais, que o converteron na quinta forza de Galicia e que lle permitiron obter un deputado na persoa de Camilo Nogueira. Nas eleccións xerais de 1982 só obtivo 22.310 votos. No mesmo ano, algúns militantes do PSG uníronse a EG, que desde ese momento se presentou ás eleccións como PSG-EG. Nas eleccións xerais de 1986 obtivo un importante aumento, ao dobrar o seu apoio electoral e acadar 71.599 votos, cos que obtivo tres deputados, un por Pontevedra e dous pola Coruña. Nas eleccións xerais de 1989 descendeu a 30.479 votos e acadou dous deputados. Nas eleccións autonómicas de 1989 perdeu máis de vinte mil votos respecto ás de 1985; as causas dese descenso poden buscarse nas diverxencias internas, así como na incapacidade de implantarse solidamente nas provincias de Lugo e Ourense. Dende 1992, o PSG-EG optou por confluír con sectores galeguistas de centro e independentes, procedentes tanto de Coalición Galega, como do Partido Nacionalista Galego e do PG, ante o ascenso do BNG e a elevación do umbral electoral ao 5% para ter representación no Parlamento galego. Tamén buscou socios electorais e en 1993 formou alianza con Esquerda Unida (EU), e cambiou o seu nome polo de Unidade Galega. Soamente acadou 44.413 votos, polo que perdeu os seus dous escanos. O achegamento a EU provocou a saída da maioría dos sectores independentes do partido e dos galeguistas de centro-dereita.