Estatuto de Autonomía de Catalunya

Estatuto de Autonomía de Catalunya

Lei orgánica que lle outorgou o réxime de autonomía á comunidade catalana. No s XX redactáronse en Catalunya tres proxectos de estatuto de autonomía, dos que entraron en vigor dous, o de 1932 e o de 1979, que representaban a consecución dos ideais nacionalistas desenvolvidos desde principios de século. A primeira redacción correspondeu ao proxecto de Estatuto de Autonomía de 1919, aprobado polos deputados da Mancomunidade de Catalunya e os parlamentarios cataláns reunidos en asemblea constituínte o 25 de xaneiro de 1918. O estatuto prevía un goberno autónomo integrado por un Parlamento, un poder executivo e un gobernador xeral. Malia que non chegou ao Congreso a causa da oposición do goberno español, constituíu un valioso precedente do Estatuto de Nuria (1931), que entrou en vigor como Estatuto de Catalunya de 1932, tras ser aprobado polo Parlamento español o 15 de setembro. O texto propugnaba unha estrutura federal para España, a creación dun goberno común para os Països Catalans e o recoñecemento da lingua catalá como a única oficial en Catalunya; estableceu ademais as competencias propias da autonomía catalana. A Generalitat quedaba integrada por un Parlamento, un Consello executivo e o seu presidente e un tribunal superior de xustiza. Trala aprobación popular no plebiscito de agosto de 1931 foi presentado ás Cortes españolas para a súa discusión e aprobación. A Constitución española do 10 de decembro de 1931 limitou xa profundamente as aspiracións autonomistas do Estatuto de Nuria, ao rexeitar para España a fórmula federal. O 9 de setembro o Parlamento español outorgoulle o Estatuto de Autonomía a Catalunya, que a definiu como unha rexión autónoma dentro do Estado español, instaurou o bilingüismo oficial, reduciu a competencia lexislativa catalá como tamén algunhas materias reivindicadas no Estatuto de Nuria, e declarou o dereito de intervención do poder central. Malia todo, o estatuto foi considerado polos políticos cataláns da época como unha conquista histórica. O 5 de abril de 1938 unha lei franquista suprimiuno. A promulgación da Constitución de 1978 representou o marco legal que fixo posible a aprobación dun novo proxecto de autonomía, o coñecido como Estatuto de Autonomía de 1979, aprobado por lei orgánica de 18 de decembro de 1979, que otorgou a Catalunya un réxime de autonomía. Catalunya constituíuse en comunidade autónoma, cun autogoberno configurado pola Generalitat, integrada por un Parlamento, o presidente e o Consello executivo. Quedaron así establecidos os campos de actuación e os niveis de competencia, exclusiva en materias de urbanismo, cultura e turismo, e compartida noutras materias; determinou a cooficialidade do catalán e o castelán, e ditaminou que lle correspondía á Generalitat garantir o uso normal e oficial de ambos os idiomas. Estableceu que o dereito catalán era aplicable no territorio de Catalunya e con preferencia sobre calquera outro; que a Generalitat podía establecer convenios e acordos de cooperación con otras comunidades autónomas; e que o órgano xurisdicional en que culmina a organización xudicial no ámbito territorial de Catalunya é o Tribunal Superior de Justícia de Catalunya.