Estatuto de Autonomía de Euskadi

Estatuto de Autonomía de Euskadi

Lei orgánica que lle outorgou a autonomía a Euskadi. Coa chegada da Segunda República elaborouse o primeiro proxecto de estatuto de autonomía, coñecido como Estatuto de Estella, localidade onde foi aprobado o 14 de xuño de 1931, por unha representación dos concellos de Araba, Guipuzkoa, Nafarroa e Bizkaia, e aprobado en referendo en 1933. O estatuto que definitivamente se aprobou en outubro de 1936 era moito máis breve e tiña un nivel de competencias autonómicas bastante inferior. O texto aprobado creaba a rexión autónoma de Euskadi con xurisdición sobre as provincias de Araba, Guipuzkoa e Bizkaia, sen mencionar sequera a posible incorporación de Nafarroa. As atribucións e a distribución das competencias entre os órganos autonómicos e o poder central eran semellantes ás do estatuto catalán. José Antonio Aguirre, líder do Partido Nacionalista Vasco, foi proclamado presidente do goberno vasco o 7 de outubro. A ofensiva do xeneral Mola acabou coa autonomía en Euskadi ao tomar Bilbao en xuño de 1937. Trala restauración democrática procedeuse de novo ao debate do autogoberno en Euskadi. O proceso iniciouse co anteproxecto sancionado pola Asamblea de Parlamentarios o 23 de decembro de 1978, sometido a referendo o 25 de octubre de 1979 e aprobado por Lei Orgánica 3/1979, de 18 de decembro, e coñecido como Estatuto de Gernika. O estatuto determinaba que o éuscaro, xunto co castelán, é a lingua oficial, e que a Euskaltzaindia (Academia da Lingua Vasca) é a institución consultiva oficial referente ao éuscaro. O Parlamento vasco constituíuse con vinte deputados por cada un dos tres territorios históricos. A capital recaeu en Gasteiz. O presidente do goberno vasco é designado polo Parlamento entre os seus membros e é nomeado polo rei. Prevíase a adaptación da administración civil do Estado ao ámbito xeográfico da comunidade autónoma e os conflitos entre a comunidade autónoma e as deputacións forais someteríanse á decisión dunha comisión arbitral paritaria presidida polo presidente do Tribunal Superior de Euskadi. As regulacións tributarias co Estado son reguladas polo sistema foral tradicional de concertos económicos ou convenios, en que as deputacións teñen un papel importante, e que consisten na achega dunha cota global correspondente a cada un dos territorios cunha contribución a todas as cargas do Estado que non asume a comunidade autónoma. Este cupo necesita o acordo dunha comisión mixta paritaria, dunha banda pola administración do Estado, e doutra polo goberno vasco e un representante de cada deputación foral que determinen a duración do concerto. Unha disposición adicional fai constar a non renuncia do pobo vasco aos dereitos que como tal poderían corresponderlle en virtude da súa historia.