2 estepa
(
-
s
f
[BOT/XEOG]
Paisaxe aberta e, as máis das veces, de relevo chairo, onde dominan formacións vexetais constituídas por plantas perennes herbáceas ou leñosas baixas, cunha distribución horizontal regular, e que nas áreas abertas poden ser ocupadas temporalmente por plantas anuais. É propia de rexións cunhas condicións climáticas continentais, onde se combinan un gran déficit hídrico estival (as precipitacións están comprendidas xeralmente entre os 100 e 250 mm anuais) e un descenso acusado das temperaturas durante o inverno, que limitan o desenvolvemento dos ciclos vexetais. Despois das chuvias invernais a cuberta vexetal prolifera de xeito rápido, pero a seca estival frea este proceso. As mellores representacións das estepas están nas chairas ucraínas, nas mesetas alxerianas e turcas, nas praderías americanas e na pampa arxentina. O aproveitamento tradicional destes ecosistemas baséase nun pastoreo transhumante de camelos e ovellas. Coa mecanización, algunhas estepas foron convertidas en cultivos, principalmente de cereais, e coa instalación de silos e depósitos de auga dedicáronse á produción de gando ovino en Sudáfrica, Arxentina e Australia. Cando desaparece a cuberta vexetal teñen lugar procesos erosivos de grande intensidade. As estepas ibéricas, asociadas a un clima mediterráneo árido, están representadas no val do Ebro, nos páramos da Submeseta Norte, nas Hoyas de Guadix, no Val da Serea e Alcudia e na franxa costeira de Almería. O uso principal das estepas ibéricas está ligado á explotación gandeira ovina e ao cultivo de cereal de secaño.
-
arte das estepas
[ARTE]
Arte dos cimerios, dos sármatas e dos escitas, pobos que habitaron as estepas euroasiáticas durante a Idade do Bronce. O territorio, dunha grande extensión xeográfica, abarcaba dende Mongolia ata Hungría e constaba de diferentes centros, entre outros, Karasuk e Tagar (en Asia central) do I milenio a C, e Kuban (ó S de Rusia), onde se localizaron un gran número de tumbas (kurgans) dos xefes escitas, con diferentes obxectos que evidencian influencias centroeuropeas, anatolias, iranias e gregas. Foi unha arte esencialmente animalística, inspirada na fauna da zona en que se desenvolveu, e influíu sobre a arte de China e no occidente de Europa.