estromatolito

estromatolito

(

s m [ECOL]

Rochas laminadas, de orixe microbiana, formadas pola acumulación de capas constituídas por interacción entre procesos orgánicos e sedimentarios. A parte biolóxica prodúcena microorganismos, procariotas filamentosos e fotoautótrofos as máis das veces cianobacterias, que segregan unha mucilaxe composta principalmente por carbohidratos que aglomera as células formando tapetes microbianos. A parte inorgánica procede da captación de sedimentos, por parte do mucílago, procedentes de partículas arrastradas por correntes ou por precipitación química de carbonato cálcico. Estas estruturas medran moi lentamente, un milímetro por ano. Mentres que as primeiras capas son brandas, segundo se avanza en profundidade, localízanse materiais máis endurecidos. Os estromatolitos precisan dunha boa luminosidade, ademais dunha alta concentración de sales e nutrientes para desenvolverse. Comezaron a ser frecuentes hai uns 3.000 millóns de anos acadando o máximo hai 2.300 millóns de anos. A proliferación dos estromatolitos contribuíu a aumentar os niveis de osíxeno na atmosfera grazas á fotosíntese das cianobacterias. Hai aproximadamente 800 millóns de anos a cantidade de estromatolitos en desenvolvemento comezou a decaer, e coincidiu coa aparición dos primeiros organismos multicelulares. Actualmente, a presenza de metazoos raspadores fai que os tapetes de cianobacterias sexan devorados, resultando imposible a proliferación do estromatolito. Antes do Fanerozoico non existían estes animais polo que o estromatolito podía tomar tempo para medrar. Os escasos exemplos que se localizan na actualidade débense a que están en ambientes demasiado extremos para os seus predadores, como é o caso de lagoas hipersalinas ou fontes termais. Coñécense estromatolitos en formación en: Atolón Tuamotu, no Pacífico central, Yellowstone, en Wyoming, Cuatrociénegas, en San Luis Potosí, Alchichica, Las Huertas e Yucatán en México, nas Bahamas, na Antártida, en Eslovaquia e na República Checa, no Golfo Pérsico e en Shark Bay, en Australia.

Palabras veciñas

estrofoide | estroma | estromanía | estromatolito | estromboliano -na | estrona | estronca