Etolia, Liga
Etolia, Liga
Coalición que xurdiu da confederación de diversas cidades etolias ao redor do 324 a C. Estaba gobernada por un consello, formado polos principais cidadáns, e por dúas asembleas públicas, denominadas thermiká e panaitoliká. Posteriormente, uníronse a Acarnania (270 a C), a Lócrida (260 a C), a Fócida (255 a C) e a Beocia (245 a C). A mediados do s III a C acadou a súa máxima expansión e chegou a ter saídas aos mares Xónico e Exeo. Foi derrotada pola Liga Aquea (243 a C), pero aliada con Roma a partir do 211 a C, venceu nas dúas primeiras guerras macedonias (205 e 192 a C). Disolvérona os romanos no 189 a C.