Evanxeo

Evanxeo

(

  1. s m [RELIX]

    Núcleo fundamental da fe cristiá. A palabra evanxeo, que significa ‘boa nova‘, pasou a entenderse como o conxunto das ensinanzas e o testemuño de Xesús de Nazaret.

  2. s m [RELIX]

    Cada un dos catro primeiros libros do Novo Testamento nos que se contén a mensaxe cristiá. As proclamas evanxélicas fixéronse, en orixe, de viva voz. As primeiras predicacións axiña foron recollidas por escrito na lingua dos apóstolos, o arameo. Posteriormente, diversas tradicións e sucesivos conxuntos redaccionais xurdiron nas distintas comunidades cristiás (san Lucas, na introdución ao seu Evanxeo, alude a esta pluralidade de escritos). Entre os diversos relatos que apareceron no s I, houbo catro que se impuxeron oficialmente dende a Igrexa, que os recoñece como canónicos: Mateo, Marcos, Lucas e Xoán. Segundo as investigacións bíblicas, o máis antigo é o Evanxeo segundo San Marcos. O autor deste Evanxeo parece que foi un curmán de Bernabeu, Marcos, que puxo por escrito a predicación en arameo de san Pedro aos membros da Igrexa de Roma; cabe situar a redacción a finais dos anos sesenta. Algúns eséxetas sinalan que corresponde a unha comunidade xudeocristiá de cultura helenística residente en Palestina, probablemente en Cesarea de Filipo, e dátano a finais da década anterior. O autor do Evanxeo segundo San Lucas debeu ser un antigo pagán convertido ao cristianismo moito antes do ano 50, que acompañou a san Paulo na maior parte das súas viaxes. A tradición identifica a Lucas como o autor do terceiro Evanxeo e tamén do Libro dos Feitos dos Apóstolos; a data de composición dos textos pódese establecer entre os anos 70 e 75. O libro que ocupa o primeiro lugar no canon é o Evanxeo segundo San Mateo, atribuído a Leví (ou Mateo), o publicano, por unha tradición que se remonta ao s II. Mateo fixo unha escolma en hebreo de ditos de Xesús que se traduciu despois de publicados os de Marcos e Lucas, ao redor do ano 80. O Evanxeo segundo San Xoán estrutúrase como o relato dunha testemuña ocular dos feitos, Xoán Zebedeo, irmán de Santiago e un dos 12 apóstolos. A data da súa redacción pódese fixar entre os anos 80 e 90, en Éfeso.

  3. s m [RELIX]

    Parte da liturxia eucarística que consiste na lectura dun fragmento dos Evanxeos.

  4. lado do evanxeo

    Lado esquerdo do altar dende o punto de vista dos fieis. O seu nome fai referencia á situación do misal cando se lía o Evanxeo na misa segundo o rito romano anterior ao Concilio Vaticano II.