expansión

expansión

(< lat expansĭōne)

    1. s f [FÍS]

      Aumento do volume que experimenta un fluído ao diminuír a presión que soporta. A expansión é reversible se se produce mediante variacións infinitesimais de presión; entón o sistema pasa por todos os estados de equilibrio sucesivos.

    2. s f [TECNOL]

      Aumento de volume que acompaña a combustión, no terceiro tempo do ciclo dun motor de combustión interna. A forza de expansión dos gases producidos na combustión é o que obriga os pistóns a moverse efectuando o traballo útil do motor.

    3. expansión do Universo [ASTRON]

      Hipótese dunha expansión evolutiva do Universo, que deriva do modelo do Big Bang e que está sustentada pola observación da recesión das galaxias. Foi proposta por E. Hubble en 1929. A confirmación de que o Universo experimenta esta expansión depende da medida da densidade de materia e se o Universo é aberto ou pechado.

    4. expansión dos fondos oceánicos [XEOL]

      Aumento da superficie dos fondos oceánicos pola saída de materiais magmáticos profundos a través das dorsais oceánicas, que se incorpora á codia oceánica. A achega de novos materiais provoca que os continentes se separen. Como o diámetro da Terra non aumenta, a formación de codia oceánica compénsase por unha destrución de litosfera nas zonas de subdución.

  1. s f

    Manifestación ou exteriorización dalgún sentimento ou pensamento íntimo.

    Ex: Na festa tivo un momento de expansión de alegría.

  2. s f

    Actividade de recreo ou distracción.

    Ex: Necesita un pouco de expansión para relaxarse.

  3. [ECON]
    1. s f

      Fase do ciclo económico caracterizada pola tendencia alcista dos prezos, investimentos, emprego, renda e consumo.

    2. expansión comercial

      Crecemento da actividade económica dunha empresa grazas a unha maior diversificación da gama de produtos e dos servicios que ofrece.

Palabras veciñas

expandir | expansibilidade | expansible | expansión | Expansión | expansionismo | expansionista