extinción

extinción

(

  1. s f

    Acción de extinguir ou extinguirse.

  2. s f [FÍS]

    Fenómeno polo que, nun microscopio petrográfico, a luz que atravesa un mineral non chega ao ocular.

  3. s f [FÍS]

    Desaparición dalgunhas lonxitudes de onda causadas pola absorción, interferencia ou polarización, nunha radiación composta.

  4. extinción de especies [ECOL]

    Desaparición total dalgunha especie de ser vivo por causas naturais ou humanas.

  5. extinción interestelar [ASTRON]

    Redución do brillo dos astros causada basicamente polo po interestelar e que, polo tanto, é máxima cando se observa en dirección ao centro da Galaxia. Resulta inversamente proporcional á lonxitude de onda e, en consecuencia, a luz vermella é menos absorbida ca a azul, feito que motiva o arrubiamento interestelar.

  6. extinción lingüística [LING]

    Proceso de desaparición dunha lingua, resultado dun caso extremo de contacto lingüístico, que ten lugar cando unha lingua desaparece completamente por presión doutra. Para que un idioma se extinga, acostuma producirse previamente un proceso de declive, no que se van reducindo progresivamente os falantes e os usos desa lingua, ata desapareceren completamente. Téñense proposto e utilizado diferentes claves para recoñecer e interpretar estes procesos, pero os medios utilizados varían sensiblemente dunhas comunidades e dunhas situacións a outras. Linguas como o córnico, o dálmata, o exipcio, o hitita ou o sumerio sufriron procesos de extinción lingüística. Unha das principais e máis antigas referencias do campo de estudio creado arredor deste tema constitúea a desaparición da lingua latina. Autores como Joseph Vendryes, con traballos publicados na década de 1930, inscríbense nesta liña, aínda que o campo de estudo se estableceu como tal a comezos da década de 1970. Existen varios tipos de extinción lingüística, de acordo con diferentes situacións, non sempre excluíntes as unhas das outras, entre as que sobresaen: a) o lingüicidio, causado por xenocidios ou mortes masivas de orixe física ou biolóxica (o tasmaniano, p ex), que provoca a desaparición repentina dunha lingua; b) unha masiva e intensa represión política, de xeito que os falantes deixen de utilizala como autodefensa, ou ben a unha rápida desaparición da poboación por causa da destrución desa cultura, de epidemias, etc; c) a desaparición de abaixo a arriba, comezando polos niveis máis informais e espontáneos, de xeito que só queden os usos máis formais e ritualizados (o latín nos seus últimos tempos ou, máis tarde, o chiapaneco); e d) a morte gradual dunha lingua, a máis xeneralizada, previo paso por situacións de contacto e de bilingüismo, en que a lingua en recesión perde falantes e usos e a emerxente ocupa eses espacios. Estes procesos repercuten na estrutura deses idiomas, xa que implican cambios progresivos na súa fonoloxía, morfoloxía, sintaxe e léxico-semántica. Para algúns autores, eses cambios acompañan o declive do status desa lingua. Non obstante , como se mencionou, as causas principais da morte dunha lingua radican en factores políticos, socioeconómicos e psicosociolóxicos que afectan á comunidade onde se desenvolve. Tamén cómpre destacar a influencia, simultánea ou alternativa, de oportunidades económicas, procesos de industrialización, migracións, influencia da educación obrigatoria, efecto de determinadas políticas lingüísticas, casamentos mixtos, destrución cultural, falta de cohesión social ou proximidade física entre os falantes, etc. Entre os factores que poden contribuír ao mantemento ou recuperación dunha lingua están a identidade étnica, a conciencia do patrimonio cultural, o illamento xeográfico, as pautas endóxenas nos casamentos, as actuacións políticas, etc. Pódense detectar factores comúns aos procesos de declive e desaparición das linguas, pero resulta difícil establecer pautas xerais válidas para todas as linguas. Segundo algúns cálculos, nos últimos 500 anos desapareceron preto da metade das linguas coñecidas no mundo, e para algúns autores a metade das que quedan corren serio perigo. No caso da lingua galega, os debates sobre a súa extinción remóntanse ás discusións sobre o idioma no Rexurdimento (s XIX), sen embargo, foi a mediados do s XX e, sobre todo, trala restauración democrática, cando se agudizaron. A publicación do Informe -dramático- sobre la lengua gallega (1973), de X. Alonso Montero, animou a discusión, na que naquel momento se decantaban a favor moi reducidas minorías galeguistas, mentres se manifestaba en contra todo o galeguismo e o nacionalismo galego da época. No último lustro do s XX e primeiros anos do s XXI, a publicación do Mapa Sociolingüístico de Galicia revitalizou a discusión. Algúns sitúan a desaparición da lingua galega na próxima xeración, dada a -desde esta perspectiva- forte ruptura interxeracional na transmisión do galego como lingua inicial. Para outros, é difícil soster tal hipótese cando o 68,6% da poboación de Galicia utiliza única ou preferentemente o idioma do país. Na soleira do s XXI, a crenza na posible desaparición inmediata do galego conta con apoios non só entre as reducidas elites da transición, senón tamén en sectores pertencentes ao nacionalismo político e cultural galego. Na base de tales discusións encóntranse, así mesmo, diferentes formas de concibir a promoción do idioma propio e de demandar máis eficaces medidas para garantir o seu futuro.

  7. [DER]
    1. s f

      Cesamento dos efectos dun acto ou dunha relación xurídica, ou da posibilidade de que se produzan se aínda non comezaran a facelo.

    2. extinción da relación laboral

      Cesamento definitivo dos efectos dunha relación laboral.

    3. extinción da responsabilidade penal

      Cesamento dos efectos da pena pola intervención de diferentes circunstancias posteriores á comisión do delito. As causas da extinción poden ser naturais, como a defunción do condenado, ou xurídicas, como o perdón ou a renuncia da parte ofendida (en determinados casos), a prescrición, o indulto ou a amnistía.

    4. extinción das obrigas

      Modo establecido pola lei ou pola vontade das partes interesadas, segundo o que deixa de producir os seus efectos unha relación xurídica constituída.