Eufemio/Eufemia

Eufemio/Eufemia
[ONOM]

Nome persoal grego tirado do nome común euphemía ε ὐϕ ημία ‘boa fama, bo nome, bo agoiro’, composto de ε ὖ ‘ben’ e do verbo ϕ ημί ‘dicir, falar’. No santoral católico hai varias mártires que levan este nome. Crese que de Sancta Euphemia derivan topónimos hispánicos como Santovenia, Santoveña e Santueña. Santa Eufemia de Calcedonia, mártir baixo Diocleciano (303-304?), celébrase o 16 de setembro. Ten unha longa tradición en Galicia, por iso é titular de nove parroquias, mentres que santo Eufemio é só dunha. Na tradición galega santa Eufemia padeceu martirio en tempos de Adriano. O seu sepulcro apareceu nunha serra que leva o seu nome, próxima a Portugal, cara ao 1060, pero co tempo trasladárona á catedral de Ourense. Outra versión galega vincúlaa a antigos cultos de fecundidade; de feito, as igrexas de santa Eufemia adoitan situarse preto de fontes curadoras, onde en época romana se lles rendía culto ás ninfas, como o altar de Baños de Molgas. Nunha ermida de Vilouchada (Trazo) celébrase unha romaxe moi antiga á que acudían os que sufrían algún esconxuro. Santa Eufemia de Arteixo é avogosa dos endemoñados (choríns), e celébrana o 13 de decembro, e santa Eufemia de Ons, é avogosa das dores de barriga, e celébrase o 22 de setembro.

Palabras veciñas

Eudoxo de Cnidos | eufausiáceo -a | Eufemia, santa | Eufemio/Eufemia | eufemismo | eufemístico -ca | eufonía