Ferraduras, pedra das

Ferraduras, pedra das

Gravado rupestre situado en Fentáns (San Xurxo de Sacos, Cotobade), nunha rocha granítica inclinada e orientada cara ao S. Os gravados sitúanse en dúas áreas escultóricas. Na zona N aparecen representadas unha combinación de círculos concéntricos con trazos pegados no seu anel exterior e unha serie de pegadas de cérvidos que se dirixen cara a ela e que polas diferencias no seu tamaño representarían distintos individuos. Na zona S está representada unha escena de caza, formada por sete figuras antropomorfas armadas, un conxunto de cérvidos e unha serie de ídolos cilindro. Na área central do conxunto hai que salientar a figura dun cervo macho de gran cornamenta no que se distinguen impactos de arma, un ídolo cilíndrico superposto lixeiramente á asta do cervo, e que parece que ten unha tatuaxe facial, e unha figura antropomorfa que porta na súa man esquerda un pequeno escudo e na dereita unha espada corta de grandes dimensións. Foi declarado Ben de Interese Cultural (BIC) en 1974.

Palabras veciñas

2 ferrado -da | ferrador -ra | ferradura | Ferraduras, pedra das | Ferráez | ferragachar | ferragacheiro -ra