ferrador -ra
(< ferrar)
Persoa que ten por oficio ferrar. O seu traballo consiste en axustar a ferradura que fai o ferreiro ao casco dun animal. As ferramentas que emprega son a bigornia, armada nun cepo de madeira, o martelo, o rematador, as tenaces, o puxavante e a lima da madeira. O primeiro que fai e tirarlle ao animal as ferraduras vellas co rematador e as tenaces, logo co puxavante recorta o que sobra do casco e por último, coa lima iguala ben todo e escolle a ferradura axeitada, corrixindo na bigornia o que precise, logo mete os cravos co martelo, de maneira que a punta saia polo lado do casco; alí corta o sobrante coas tenaces, e deixa saír un pouco para dobrar co rematador. Para este traballo cómpre que alguén lle axude a erguer as patas do animal.