Ferrol, porto de

Ferrol, porto de

Porto da beira setentrional da ría de Ferrol, de interese xeral do Estado, xestionado pola Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao. As súas instalacións esténdense polo espazo sudoccidental do litoral da parroquia de Ferrol. A súa localización no interior da ría, plenamente resgardada, propiciou unha grande actividade portuaria como refuxio dos buques que navegaban entre o Mar Cantábrico e as costas occidentais da Península. No s XVI, Filipe II potenciouno aínda máis ao escollelo en varias ocasións como base temporal da flota real. Non obstante , a definitiva consolidación do porto como un dos máis importantes de España produciuse no s XVIII, cando a administración da nova dinastía borbónica o designou capital dun dos tres departamentos marítimos nos que dividiu o litoral peninsular español. Nun principio as instalacións da Armada ocuparon o litoral da parroquia da Graña, pero en 1730 o Marqués de la Ensenada ordenou buscarlles unha nova localización: en 1747 decidiuse a construción do porto militar en Ferrol, a carón dunha fortificación erixida no século anterior. A construción do Arsenal comezou en 1750 e significou simultaneamente o xurdimento dunha nova cidade detrás das instalacións militares. As funcións militares monopolizaron practicamente a actividade portuaria ferrolá ata finais do s XIX, deixándolles aos pesqueiros e mercantes o reducido espazo de manobra que lles proporcionaba o peirao de Ferrol Vello, no extremo SO da parroquia. A creación en 1910 da Xunta de Obras do Porto supuxo unha reactivación desoutras actividades, pois grazas á súa iniciativa ampliáronse as instalacións coa dársena de Curuxeiras e o peirao de Fernández Ladreda. En 1984 iniciáronse novas obras de expansión co obxectivo de incrementar o calado, a lonxitude de atracada e a superficie de depósito, que se materializaron na construción do Peirao Novo.