Fundación Celta de Vigo
Fundación sen ánimo de lucro creada en 1996 polo Real Club Celta de Vigo coa colaboración de diversas empresas e persoas individuais. O seu obxectivo principal é fomentar o desenvolvemento deportivo e cultural dos máis novos, promovendo a práctica do deporte. Concede bolsas deportivas a mozos e axudas aos atletas e a actividades deportivas como o alpinismo, o ciclismo e o hóckey. Entre as actividades que organiza destaca a celebración de campus de fútbol destinados aos rapaces no verán. Dende as Aulas de Formación imparte cursos de diversa índole e, xunto coas universidades de Vigo e Santiago de Compostela, organiza un máster en xestión e administración de entidades deportivas, cursos de posgrao para licenciados sobre psicoloxía aplicada ao deporte e á actividade física, e cursos validables con créditos de libre elección. En 1999 creou o Museo Deportivo del Real Club Celta de Vigo, que mostra a historia do club, e o Museo de Arte Deportivo, primeiro en temática deportiva de Galicia e un dos primeiros de España, nacido da vontade de unir arte e deporte.