galicanismo

galicanismo

(< galicano)

s m

Doutrina política e relixiosa francesa pola que o poder do papa queda limitado e se somete a concilio e aos costumes das igrexas locais. Politicamente, a igrexa local depende da autoridade civil, sobre todo do rei. Xa nas loitas entre Filipe o Fermoso e Bonifacio VIII adiantábase esta dependencia da Igrexa. En 1438 a Asemblea do Clericato proclamou a Pragmática de Bourges, que despois Carlos VII converteu en lei, e pola que a autoridade do papa en Francia só se limitaba ás tradicións da Igrexa francesa. A cabalo entre os ss XVI e XVII foron Pierre Pithou e Edmund Richer os grandes teóricos do galicanismo, que atopou na Déclaration de 1682 a formulación dos catro artigos básicos: o recoñecemento do poder estritamente espiritual do papa, a validez dos principios conciliaristas decretados en Constanza, a limitación do poder pontificio polos canons e os costumes galicanos e a convicción de que unicamente o consentimento da Igrexa universal converte en irreformables as decisións papais. A definición do primado no Concilio Vaticano I detivo este proceso.

Palabras veciñas

galibar | gálibo | Galič i Čukhlom, chaira de | galicanismo | galicano -na | Galicia | Galicia