Gallimard, Éditions
Editorial francesa que Gaston Gallimard e André Gide, xunto cos fundadores da Nouvelle revue française, estableceron en París en 1911. Nos seus comezos publicou, sobre todo, obras de destacados autores franceses como Gide, Sartre, Céline, Breton, Claudel, Larbaud ou Duras. Dirixida por Antoine Gallimard, está considerada como unha das principais empresas editoriais francesas. En 1953 lanzou a primeira edición europea de obras latinoamericanas na súa colección hispánica, dirixida por Roger Caillois. No 2002 conformaban o Groupe Gallimard: Éditions Denoël, Les Éditions du Mercure de France, Nouveaux Loisirs, Gallimard Jeunesse e Les Éditions de la Table Ronde, ademais dos seus centros de distribución, librerías e filiais no estranxeiro. Tirou do prelo máis de 28 millóns de volumes en 1999.