Galván

Galván
[LIT]

Sobriño do Rei Artur de Bretaña. Paradigma da corte artúrica e modelo de toda cortesía, morre combatendo contra o rebelde Mordred. Aparece nos testemuños máis antigos do ciclo bretón, como os relatos galeses, ou no relevo da arquivolta da catedral de Módena, de aí que se lle outorgue unha excelencia sobre outros cabaleiros, como o tratamento de messires que lle conceden os romans franceses dos ss XII e XIII; a propiedade do mellor cabalo do reino, o Gringalet, ou a posesión da espada Excalibur. Os textos dos ss XII e XIII fano fillo do Rei Lot de Orcania (ou Lodonesia) e dunha irmá de Artur chamada Ana (ou Morcades) e outórganlle catro irmáns: Gaheriet, Guerrehet, Agravain e Mordred. Nestas mesmas obras, sen embargo, reflíctese unha progresiva perda de dignidade. Os romans de Chrétien de Troyes dispénsanlle un tratamento ambiguo, xa que, víctima da súa propia perfección cortesá, vese superado por outros cabaleiros, como Lanzarote, Yvain ou Perceval. Como reflexo do prestixio pasado, o personaxe será protagonista de varios dos romans post-clásicos en verso, como Le chevalier à l’épée, La vengeance Raguidel ou L’âtre périlleux, que, en cambio, acentúan a súa pegada irónica. Nos romans cíclicos en prosa convértese nun personaxe cada vez máis negativo; apartado da busca do Santo Graal por representar a liviandade da vida da corte, caracterízase como un personaxe soberbio, vingativo e traizoeiro, que, como recolle a Demanda do Santo Graal portuguesa, mata a quince dos seus compañeiros durante a busca da reliquia e representa o espírito da cabalería mundana: a antítese de Galaaz, que é o perfecto cabaleiro de Deus. Ademais, no ciclo da Vulgata provoca a ruína do reino de Artur, a causa da súas disputas coa liñaxe de Lanzarote, mentres que, segundo a Post-Vulgata, estas liortas terán lugar coa familia de Perceval.