gaucho -cha
(< quechua wáhča‘indixente, orfo’)
-
adx
Relativo ou pertencente aos gauchos.
-
s
m
[HIST]
Xinete que vivía e traballaba nas áreas gandeiras de Arxentina, S de Brasil e Uruguay. Inicialmente a denominación empregouse para os crioulos ou os mestizos, que levaban unha vida desordenada e realizaban traballos de pouca cualificación social, dedicándose especialmente á gandería e ao contrabando. Posteriormente, o termo estendeuse aos descendentes dos inmigrantes europeos, aos negros e aos mulatos que adoptaron esta clase de vida. O seu tipo primixenio, o gaucho nómade, apareceu na Banda Oriental durante o s XVIII. Ao estalar o movemento emancipador, os gauchos xuntáronse aos exércitos que loitaban pola independencia, e a imaxe pexorativa que se tiña deles foi substituída por outra máis positiva. Conseguida a independencia, instaláronse nas propiedades e convertéronse en gandeiros sedentarios. Actualmente, as melloras técnicas e as condicións sociais case fixeron desaparecer a figura tradicional do gaucho.