glaciar

glaciar

(< fr glacier)

s m [XEOG]

Masa de xeo formada nunha rexión de neves perpetuas e que se despraza lentamente pola forza da gravidade. O glaciar alpino consta de dúas partes: o circo glaciario e a lingua glaciaria. No circo glaciario acumúlase a neve, que se mestura co aire atmosférico e, en virtude da forte presión e do constante arrefriamento ao que está sometida, transfórmase nunha masa granulosa, compacta e chea de burbullas de aire. O circo glaciario está rodeado de montañas, e queda separado destas por unha gran fenda, denominada rimaia. O circo comunica co val glacial, por onde se despraza a lingua glaciaria, formada xa por xeo. O val ten unha forma característica que, en sección transversal, é similar a un U. A lingua transporta pedras, area e lama, que se depositan no fondo e forman a morena de fondo, ou nos costados e forman as morenas laterais; tamén hai unha morena central, ou varias, se se unen diferentes linguas glaciarias. No extremo da lingua fórmase a morena frontal ou terminal. O glaciar de tipo pirenaico está formado unicamente por un circo glaciario, sen lingua. Os glaciares de altiplano, ou inlandsis, están formados por unha gran capa de neve compactada que cobre un altiplano, do que parten linguas glaciarias con diferentes rumbos. O glaciar do Piemonte está formado pola unión de numerosas linguas glaciarias (como en Alasca). A velocidade de todos os glaciares é moi lenta, pero o seu efecto erosivo é moi contundente. Durante o Pleistoceno formáronse varios glaciares en Galicia. As pegadas máis evidentes pódense apreciar nos dominios litolóxicos máis duros, nos de rochas ígneas ou de maior grao de metamorfismo, de feito que as mellores mostras corresponden cos macizos graníticos de Manzaneda, Trevinca e a serra do Xurés e coas aliñacións sobre rochas metamórficas dos Ancares, O Courel e os montes do Invernadeiro.

Palabras veciñas

glacé* | glaciación | glacial | glaciar | glaciario -ria | glaciarismo | glacioeustatismo