Gloria, pórtico da

Gloria, pórtico da

Situado na catedral de Santiago de Compostela, construíuno o mestre Mateo aos pés das naves lonxitudinais. Segundo unha inscrición do lintel rematouse en 1118. Substituíu a orixinaria dobre porta de acceso e estivo aberto ata o s XVI. Coa construción no s XVIII da fachada do Obradoiro reduciuse o seu tamaño. O mestre Mateo dirixiu a obra dende os cimentos e ampliou a cripta que cubriu con bóvedas nervadas para salvar o desnivel do terreo. Estilisticamente supón o paso da plástica románica ao naturalismo gótico reflectido nos rostros e no tratamento das vestiduras. Representa a visión apocalíptica da Gloria, cumio do camiño de peregrinación a Santiago. Consta de tres tramos rectangulares cubertos con bóvedas de nervios e divididos por dous arcos apuntados; o arco central é semicircular, mentres os laterais tenden cara á ferradura. O arco central divídese en dúas partes por un parteluz e é o único que conserva o tímpano; este apóiase sobre ménsulas esculpidas. O parteluz está formado por cinco columnas ás que se lle engadiu un fuste de mármore no que se esculpiu, por vez primeira en España, a árbore de Xesé. A xenealoxía humana represéntase por medio dun talo que agroma da figura de Xosé, o pai do Rei David, e que enreda os distintos personaxes ata chegar á Virxe que queda libre; no capitel represéntase a xenealoxía divina por medio da Trindade. Sobre este capitel sitúase a figura sedente do Apóstolo Santiago e sobre a súa coroa móstranse nun capitel as tentacións de Cristo. Na base do parteluz e mirando cara ao altar sitúase a figura do mestre Mateo, axeonllado e en actitude orante, coñecida popularmente como o Santo dos Croques. No tímpano represéntase o Salvador mostrando as chagas e co nimbo crucífero, acompañado de anxos incensarios; ás súas beiras, e en dous rexistros, atópase a dobre representación dos evanxelistas, en actitude de escribir e cos seus símbolos; sobre o lintel sitúanse os anxos portadores dos instrumentos da Paixón; e, no espazo existente ata as arquivoltas, as figuras dos benaventurados que son elevados á gloria polos anxos. Nas arquivoltas, seguindo a forma radial, represéntanse os 24 anciáns da Apocalipse dispostos en parellas (excepto os que flanquean o central) e que, agás dous, portan instrumentos musicais. No arco lateral esquerdo represéntase a expectación mesiánica. Na primeira arquivolta mostra unha serie de figuras envoltas entre a follaxe; nun lado están as figuras de Deus Creador, que ten a un dos seus lados a Adán, Noé, Abraham, Esaú e Xacob e, ao outro, a Eva, Moisés, o Rei David e as tribos de Xudá e Benxamín. Na segunda arquivolta represéntanse as dez tribos de Israel, agás Xudá e Benxamín, coa figura central de Cristo que as atrae cara á salvación. No arco lateral dereito sitúase, no centro, a Cristo como xuíz e, debaixo, un anxo; á dereita os elixidos, que pasan á Xerusalén celestial coa axuda dos anxos, e, á esquerda, os répobros, acompañados de monstros. Os arcos apóianse en columnas superpostas; sobre o primeiro corpo de columnas sitúanse, amodo de xambas, estatuas columnas tratadas xa co naturalismo do gótico. Identifícanse polos símbolos que portan e, nalgún caso, polos carteis que as acompañan. No arco central represéntanse, á esquerda, os profetas Moisés, coas táboas da lei, Isaías, Daniel e Xeremías, e á dereita, os apóstolos san Pedro, coas chaves, san Paulo, descalzo e calvo, Santiago, co báculo e cun cartel, e san Xoán, de pé sobre unha aguia. No arco esquerdo represéntanse os profetas menores, identificados segundo algúns autores con Oseas, Xoel, Amós e Abdía, e no dereito, apóstolos de difícil identificación, probablemente santo Andrés, san Tomé, Santiago Alfeo e san Filipe. Sobre as figuras de apóstolos e profetas sitúanse anxos que conducen os homes á nova Xerusalén. O pórtico foi pechado pola fachada do Obradoiro; no muro posterior da mesma consérvanse tamén estatuas-columna identificables con Xob ou Tobías, Xudite, Ester, san Marcos, san Lucas, san Xoán Bautista, a raíña de Saba, o Rei Salomón, a sibila Eritrea e Balaam.

Palabras veciñas

gloria | Gloria | gloria Patri* | Gloria, pórtico da | gloriar | glorieta | glorificación