godo -da
(< lat Gothu)
-
adx
Relativo ou pertencente ao pobo godo e aos seus habitantes.
-
s
[ETN/HIST]
Natural ou habitante do pobo godo.
-
s
[HIST]
Descendente dos antigos visigodos establecidos durante o período carolinxio no territorio francés, protexidos por capitulares dos reis visigodos e que gozaban do seu propio dereito.
-
s
m pl
[ETN/HIST]
Pobo xermánico oriental formado por unha confederación de tribos unidas pola etnia e pola lingua. Orixinario posiblemente do S da actual Suecia, no s I distribuíanse pola costa do Báltico. A comezos do s II, e como resposta aos cambios climáticos que se producían na rexión, iniciaron unha migración cara ao S e establecéronse entre o Don e o Danubio. Cara a 230 establecéronse nunha rexión ao N do Mar Negro e mantiveron frecuentes enfrontamentos cos romanos nas fronteiras do Danubio, atacaron e saquearon Tracia, Dacia e tomaron Atenas (267-268). En contacto co Imperio de Oriente convertéronse ao arianismo (s IV) e durante as invasións dos hunos, cara a 370, fíxose efectiva a súa división en dous grandes grupos: os godos orientais ou ostrogodos, que se estableceron ao redor do Mar Negro, na actual Ucraína, e os godos occidentais ou visigodos que se estenderon pola fronteira do Danubio. Os visigodos atravesaron a fronteira romana do Danubio (376) e instaláronse inicialmente na Galia e máis tarde estendéronse pola Hispania, mentres que os ostrogodos atravesaron Hungría e Austria para instalarse en Italia (s V).