gótico -ca

gótico -ca

(< lat gothĭcu)

  1. adx

    Relativo ou pertencente aos godos ou ao gótico.

  2. s m [LING]

    Lingua extinta xermánica -sen falantes desde o s XVIII- do grupo óstico que falaban os godos. Foi un medio útil na reconstrución do protoxermánico, anterior á fragmentación lingüística. A obra coñecida máis importante en gótico é a Biblia do bispo visigótico Ulfila. Algúns dos seus trazos formais son: acento de intensidade na sílaba inicial, distinción entre vocais longas e breves, restos do dual e falta de artigo. O seu alfabeto consta de 27 caracteres, 25 deles son signos gregos modificados e dous están tirados do alfabeto rúnico.

  3. adx e s m [ARTE]

    Aplícase á arte desenvolvida entre o Románico e o Renacemento comprendida, segundo os países e rexións, entre os ss XIII e XIV ou XV. A denominación de gótico como sinónimo de “bárbaro” e equivalente a un estilo non suxeito a canons, foi dada no s XVI polos teóricos que non souberon ver máis alá do que indicaban as regras clásicas. O seu enxalzamento como estilo propio foi debido ao prerrafaelismo e ao neogótico do s XIX. A súa orixe sitúase en Île-de-France a mediados do s XII, coa obra do abade Suger de Saint-Denis. Naceu no período de desenvolvemento das cidades que tiveron como centro a catedral. Xeograficamente estendeuse por Europa do Norte, Central e Occidental, e chegou ata Oriente Próximo e, moito máis tarde, ata a América hispana. A diversidade xeográfica produciu unha serie de variantes arquitectónicas, nacionais e rexionais, con dúas características comúns, o arco e a bóveda de oxivas, que comportan unha evolución estrutural do sentido de masas románico nunha visión etérea do espacio, distribuído mediante un esqueleto de pedra onde cada parte está perfectamente diferenciada con vista ao cumprimento da súa función. En Francia distínguese entre a arquitectura preclásica ou protogótica da abadía de Saint-Denis, as catedrais de Sens, Chartres e o inicio de Notre-Dame de París, entre outras obras; o gótico clásico das catedrais de Amiens e Reims no s XIII; o gótico radiante, no que destaca a Saint-Chapelle de París; e o gótico flamíxero ou florido coa construción, das igrexas de Saint-Séverin de París e Notre-Dame-de-l’Épine. En Inglaterra, a arquitectura caracterizouse polo emprego da cabeceira plana sen deambulatorio, o dobre cruceiro e a escasa perpendicularidade. Desenvolveuse o early english, coa catedral de Salisbury; o decorated style, do que destacan a nave da catedral de York e as bóvedas de Gloucester e Winchester; e o perpendicular style, coa construción do claustro da abadía de Gloucester e a capela do King’s College de Cambridge. En Italia, o gótico apenas acadou relevancia pois, perviviron as tradicións clásica e románica. Destacan a igrexa de Santa Maria Novella en Florencia e as catedrais de Siena e Milán. A influencia francesa estendeuse polo Sacro Imperio, aínda que nalgunhas rexións perviviu o románico. Cómpre mencionar as catedrais de Magdeburg, Colonia e Estrasburgo. Nos reinos da Península Ibérica mantívose a influencia francesa. No último terzo do s XII o mestre Mateo empregou as bóvedas de crucería no Pórtico da Gloria da catedral de Santiago de Compostela. Xunto a el cómpre destacar a difusión das formas cistercienses. Ao longo do s XIII construíronse as catedrais de Burgos, León e Toledo; no s XIV a actividade construtiva trasladouse ao Mediterráneo coa construción das catedrais de Barcelona, Girona e Palma de Mallorca e a igrexa de Santa Maria del Mar (Barcelona). No s XV deuse o gótico hispano-flamengo no que se fundiron as tradicións musulmanas cos elementos flamíxeros. Destacan a capela do condestable da catedral de Burgos e a catedral de Sevilla. Durante o reinado de Isabel a Católica desenvolveuse o denominado gótico isabelino coa construción do mosteiro de San Juan de los Reyes (Toledo). Na arquitectura civil cómpre destacar as loxas de València, Barcelona e Zaragoza. En Portugal sobresae a construcción dos mosteiros de Batalha e dos Jerónimos. En Galicia, ademais do Pórtico da Gloria, destacan as catedrais de Ourense, Tui e Lugo, e as obras realizadas na de Santiago; a obra das ordes mendicantes, como as igrexas franciscanas de Betanzos, Ourense e Pontevedra, San Martiño de Noia, San Domingos de Ribadavia, Santa Clara de Pontevedra e San Domingos de Bonaval; e o denominado gótico mariñeiro característico das pequenas igrexas da costa, como Santa María de Cambados. No eido da arquitectura defensiva destacan as torres dos Andrade (Pontedeume) e de Mens (Malpica), e os castelos de Vimianzo, Soutomaior, Ribadavia e Pambre. Polo que respecta ás artes figurativas, como a pintura, a escultura, a ourivería, as vidreiras ou a tapicería, acadouse o coñecemento progresivo das leis da perspectiva e da anatomía, que pasou do esquematismo inicial de reminiscencias románicas a un grao no que a figura humana, os obxectos e as arquitecturas pasaron de ocupar plans xustapostos a relacionarse entre eles. Tanto a escultura como a pintura liberáronse do marco arquitectónico, desenvolvéronse escenas narrativas ou descritivas con temáticas serenas que refliten a preocupación polo home. Tanto a representación de Cristo como a da Virxe buscaron a valoración do aspecto humano. Como contrapunto á percepción da realidade, representáronse tamén as visións fantásticas e monstruosas. No eido da escultura os ciclos temáticos máis empregados, principalmente nas portadas, foron o Xuízo Final e escenas da vida da Virxe e dos santos; produciuse, ademais, unha escultura funeraria. Na pintura, acadou un grande apoxeo a pintura sobre táboa, cunha temática fundamentalmente relixiosa baseada na representación de figuras planas e de cores vivas, situadas sobre un espacio simbólico que adoita dourarse. Ademais desenvolveuse a miniatura, tanto en libros sacros como laicos, e as vidreiras, caracterizadas pola delimitación lineal das figuras esquemáticas. Os períodos italogótico, internacional e flamengo, en que se divide o desenvolvemento das artes plásticas, indican os centros difusores de cada etapa. No s XIII foi a época de superioridade italiana. Destacaron os pintores Ducio, Simone Martini, os irmáns Lorenzetti e, sobre todo, Giotto, precedente do Renacemento, e os escultores Nicola, Giovanni e Andrea Pisano. Todos eles transformaron o concepto de pintura e escultura de gustos bizantinos ao darlles un aire occidental. No período seguinte, desde Jean Pucelle ata os irmáns Limbourg, pasando por André de Beauneveu e Jacquemard de Hesdin, constituíronse ao redor das cortes de París e Borgoña dúas escolas que, pola calidade e o número de obras, influíron cos seus modelos sobre as cortes europeas durante o derradeiro cuarto do s XIV e o primeiro do s XV. En Borgoña traballou o escultor Claus Sluter, verdadeiro transformador da escultura europea internacional; a cidade de Arrás converteuse no primeiro centro produtor de tapices e Jean de Bandol e Jean de Bruges nos seus principais representantes. Nos Países Baixos, Jean van Eyck, desde os primeiros anos do s XV, e máis tarde Roger van der Weyden e Hans Memling, impuxeron unha pintura máis humana e empregaron o óleo como aglutinante. En España cómpre destacar as portas do Sarmental e da Coronería na catedral de Burgos, a porta do Perdón da catedral de Toledo, a imaxe da Virxe Branca na catedral de León, o sepulcro de Carlos o Nobre e a súa dona na catedral de Pamplona, os sepulcros reais de Poblet e o Doncel de Sigüenza; e, no eido da pintura, destacaron Ferrer Bassa, Lluís Borrasa, Nicolás Francés, Jaume Huguet, Bartolomé Bermejo e Jorge Inglés. En Galicia cómpre salientar a influencia exercida polo mestre Mateo e o seu obradoiro. Destacan o Pórtico do Paraíso da catedral de Ourense; os sepulcros de Fernán Pérez de Andrade en San Francisco de Betanzos, de Pai Gomez Charinho en San Francisco de Pontevedra, de Cotolay en San Francisco de Santiago e os da catedral de Ourense; a porta do Home Santo en San Domingos de Bonaval; o retablo pétreo da Quinta Angustia en San Domingos de Pontevedra; e o baldaquino de San Salvador de Vilar de Donas. Só se ten coñecemento dunha soa pintura sobre táboa de todo o período medieval, a procedente do convento de Santa María de Belvís. Entre as pinturas murais conservadas destacan as de San Salvador de Vilar de Donas e as de San Xoán de Portomarín. Na miniatura destacan o Tombo A e a Historia Compostelana, realizadas no scriptorium da catedral de Santiago, o tombo do mosteiro de Toxos Outos, a Biblia de San Domingos de Bonaval, a Biblia do colexio da Compañía de Xesús en Monterrei, o Pontifical da catedral de Tui e o Breviario do cóengo Miranda.

  4. escritura gótica [ESCR]

    Tipo de escritura latina usada en Europa durante a Baixa Idade Media. Este novo tipo de letra apareceu xa no s XII en Francia, e durou ata finais do s XVI; pero o período gótico por excelencia vai do s XIII ao XV. Cómpre buscar a súa orixe na letra carolinxia precedente, que evolucionou cara a un manierismo con esaxeracións no trazado. Distinguíronse dous xéneros de escritura gótica: a libraria, dereita e caligráfica, e a documental, xeralmente cursiva. As características da “escritura gótica libraria” son o quebrado das liñas dereitas e o trazado anguloso e aguzado das antigas curvas, con tendencia a unha escritura a miúdo alta, estreita e pechada. Hai unha gran variedade de góticas librarias e as principais son a litúrxica ou bíblica, a francesa, a caligráfica, e as chamadas littera bononiensis e littera parisiensis, que pasou á Península Ibérica. A “escritura gótica documental ou cursiva” deriva tamén da escritura carolinxia; de orixe notarial italiana, desde os ss XII-XIII diversificouse ao se difundir por Europa. Caracterízase polo trazado espontáneo e rápido e polas letras que se tocan unhas con outras e que traspasan a liña, non só por arriba e por abaixo, senón que se estenden a miúdo en trazos superfluos estirados. Isto e os múltiples signos de abreviatura danlle á páxina escrita un aspecto comprimido e un pouco confuso. A diversificación da escritura gótica documental debeuse á influencia máis ou menos forte da libraria e ao carácter de cada escritor, que lle imprimía unha certa personalidade. Son variantes características a escritura notarial, a minúscula chanceleresca italiana, a bastarda francesa e a cortesá castelá. Entre as escrituras cursivas derivadas da gótica libraria están a littera inintelligibilis universitaria, característica dalgúns autores escolásticos do s XIII, especialmente de san Tomé de Aquino. Nas glosas e nas notas marxinais aparece a miúdo a escritura minúscula con tendencia á cursiva.

  5. liña gótica [BÉL]

    Posición defensiva establecida polos alemáns en Italia, ao N dos Apeninos, desde o Mar Adriático (Rimini) ata o Tirreno (Massa) para afrontar o avance aliado (1944). Detivo o avance dos aliados durante o outono de 1944, pero na primavera de 1945 foi superada e abriulles o paso cara ao val do Po.

  6. novela gótica [LIT]

    Tendencia narrativa prerromántica que consiste no cultivo da novela de terror. Nada en Inglaterra a finais do s XVIII, debe o seu nome a Horace Walpole, autor de The castle of Otranto (1764). Entre as obras máis representativas destacan Vathek (1782), de W. Beckford, e Ambrosio or the Monk (1796), de M. G. Lewis.

Palabras veciñas

Gothart Neithardt | Gotia | goticismo | gótico -ca | gotizante | Gotland | Gotlandiano