Granada, Guerra de

Granada, Guerra de

Conxunto de campañas (1481-1492) levadas a cabo polos Reis Católicos co fin de anexionar o Reino de Granada. Aínda que favorecidas polos continuos enfrontamentos entre a familia nazarí reinante, a guerra non foi fácil como consecuencia das numerosas forzas e prazas fortes que existían no reino granadino. A guerra formulouse a longo prazo e buscou illar a capital do reino. Os Reis Católicos financiárona a través de diversos medios: a declaración por parte do papado de cruzada, os préstamos xudeus, a venda de cativos e as continuas levas, como as documentadas en Galicia nas que se concedía o perdón a cambio de servir na Guerra de Granada por un prazo non inferior a catro meses. Durante os primeiros anos da contenda sucedéronse as escaramuzas entre cristiáns e musulmáns, pero a partir de 1483, coa vitoria dos exércitos cristiáns en Lucena e o apresamento do Rei Boabdil, que se converteu en vasalo dos Reis Católicos, iniciouse un período durante o que os cristiáns conquistaron numerosas prazas fortes. En 1487 tomouse Málaga tras un grande esforzo militar, e en 1489, trala toma de Baza, conseguiuse a rendición do tío de Boabdil, Mu ḥ ammad XII, e a entrega de Almería e Guadix. A última campaña iniciouse en 1491 co establecemento dun campamento permanente en Santa Fe e culminou o 2 de xaneiro de 1492 coa entrada dos exércitos dos Reis Católicos na capital. O antigo Reino de Granada integrouse na Coroa de Castela, aínda que mentres que os territorios e os habitantes da capital conservaron os seus bens, crenzas e usos sociais en virtude das capitulacións de Santa Fe, os restantes habitantes do reino perderon as súas terras e foron sometidos a escravitude.

Palabras veciñas

Granada | Granada | Granada Conti, Daniel | Granada, Guerra de | Granada, Luís de | Granada, Reino de | granadeiro