2 grao

2 grao

(

  1. s m
    1. Cada un dos banzos dunha escaleira ou dunha escada.

      Ex: Sobe os graos da escaleira con coidado que está escuro.

      Sinónimos: banzo, chanzo.
    2. Chanzo que se forma no fondo da desembocadura dalgunhas rías por efecto das correntes.

    1. s m

      Cada un dos estados, posicións, calidades ou valores dunha cousa cando se pode calibrar de maior a menor e viceversa.

      Ex: Houbo un bo grao de aprobados.

      Sinónimos: nivel.
    2. s m

      alor ou medida en que se cuantifica algo que está suxeito a variación.

      Ex: Non temos tanto grao de amizade como para explicarlle a situación.

    3. s m

      Estado de gravidade ou dureza de algo. OBS: Nesta acepción a gradación de maior a menor dese estado especifícase cos adxectivos primeiro, segundo e terceiro.

      Ex: Condenárono por asasinato en primeiro grao.

    4. s m [EDUC]

      Cada unha das seccións en que se agrupan os alumnos segundo a idade ou estado de coñecementos.

    5. s m [EDUC]

      Cada un dos títulos que se conceden segundo os diferentes niveis en que se dividen os estudios de ensino medio e superior.

    6. s m [DER]

      Cada unha das partes en que se divide a duración das penas. No Código Penal español, cada pena está dividida en tres graos (mínimo, medio e máximo), aplicables segundo a culpabilidade de cada autor.

    7. grao de abertura das vocais [LING]

      Modo de articulación, en fonética articulatoria, ou distancia que separa o padal e a lingua, nunha emisión vocálica normal. En galego, a vogal máis aberta é o [a], pero tamén son abertas [ɛ] e [ɔ].

    8. grao de obstáculo das consoantes [LING]

      Modo de articulación, en fonética articulatoria, ou marxe de abertura do canal glótico ou supraglótico, nunha emisión consonántica normal. En teoría, hai só dous graos, combinables entre eles: a abertura cero, ou negativa, propia das oclusivas, e a abertura positiva, propia das fricativas.

    9. grao de significación do adxectivo [LING]

      Cada un dos valores ou nivel de expresión susceptible de ser manifestado por un adxectivo, podendo variar a intensidade relativa das calidades que designa. Distínguense tres graos: o positivo, o comparativo (superioridade, igualdade e inferioridade) e o superlativo.

  2. s m
    1. Nome que acompaña os títulos de certos estudios.

      Ex: No concurso-oposición puntúase o grao de doutor.

    2. Título de bacharel.

  3. s m [DER]
    1. Cada unha das xeracións que marcan o parentesco entre as persoas.

    2. Distancia que separa, no parentesco, as persoas entre as que se establece o cómputo. En liña recta hai tantos graos como xeracións ou persoas, e na liña colateral hai tantos graos como persoas haxa entre ambas as dúas liñas.

  4. s m
    1. Posición que alguén ocupa dentro dunha escala, especialmente nunha xerarquía militar.

      Ex: Concedéronlle o grao de coronel de brigada.

    2. [DER]

      Condición persoal do funcionario público que se corresponde cun determinado nivel dos que integran a clasificación dos lugares de traballo da administración.

  5. [MAT]
    1. grao dun monomio

      Suma dos expoñentes de todos os factores literais que figuren.

    2. grao dun polinomio

      Grao do monomio de máis alto grao que contén o polinomio.

    3. grao dunha curva

      Grao da ecuación polinómica que representa a curva.

    4. grao dunha ecuación diferencial

      Potencia da derivada de maior orde da ecuación.

    5. grao dunha ecuación polinómica

      Grao do polinomio que expresa a ecuación.

    6. grao dunha superficie

      Grao da ecuación polinómica que representa a superficie.

  6. s m [METROL]
    1. Cada unha das divisións iguais numeradas dunha escala, como a dun termómetro, dun areómetro ou dun alcoholímetro.

    2. Unidade de medida da temperatura. Os graos máis importantes son o grao Celsius, o Fahrenheit e o Réamur.

    3. Unidade de medida dos ángulos. Os graos que máis se empregan son o sesaxesimal e o centesimal, que se basean, respectivamente, na división sesaxesimal e centesimal da circunferencia. Na primeira, a circunferencia divídese en 360°, o grao en 60’ e o minuto en 60”, e na segunda a circunferencia divídese en 400°, o grao en 100’ e o minuto en 100”.

  7. s m [METROL]

    Unidade de medida angular que equivale a 1/360 parte dunha circunferencia. Emprégase para expresar a lonxitude e a latitude.

  8. s m [DER]

    Cada unha das diferentes instancias ás que pode dar lugar un preito.

  9. s m [BÉL]

    Dereito que se concedía aos militares para que se lles contase a antigüidade do emprego antes de obtelo. Durante este tempo empregaban as divisas deste emprego. Tamén se concedía por honor.

  10. grao alcohólico [METROL/QUÍM]

    Unidade de medida da concentración alcohólica, que equivale ao tanto por cento en volume de alcohol etílico que contén un viño ou calquera solución alcohólica, que se determina a 15°C (graos Gay-Lussac ou franceses) ou a 20°C.

  11. grao Baumé [QUÍM]

    escala de Baumé.

  12. grao de abstracción [FILOS]

    Cada un dos graos que clasifican o nivel de abstracción conseguida no proceso cognoscitivo. A escolástica distinguiu entre os graos da física, a matemática e a metafísica.

  13. grao de abstracción [LING]

    Nivel de amplitude ou concreción conceptual que caracteriza unha noción. A lingua é unha abstracción; a fala inclúe trazos abstractos e concretos. Algúns elementos subxacentes dun modelo xenerativo teñen un grao máximo de abstracción, mentres que as súas realizacións sempre permanecen nun inferior.

  14. grao de acidez [ALIM]

    Característica química analítica dunha graxa que equivale ao tanto por cento dos ácidos libres que se expresan en forma de ácidos oleicos.

  15. grao de fermentación [ALIM]

    Tanto por cen de materias fermentables dun mosto de cervexa que se transforman en alcohol e dióxido de carbono (atenuación).

  16. grao de liberdade [FÍS]
    1. Número de magnitudes que se necesitan para definir a configuración dun sistema.

    2. Número de variables necesarias para definir o estado dun sistema.

  17. grao de simetría [XEOL]

    Conxunto de elementos de simetría que caracterizan cada clase cristalina.

  18. grao hidrotimétrico [QUÍM]

    Grao de dureza da auga.

  19. grao xeotérmico [XEOL]

    Número de metros que se ten que penetrar cara ao centro da Terra para experimentar un aumento de temperatura dun grao centígrado. O grao xeotérmico, o mesmo ca o gradiente xeotérmico, varía segundo os lugares. O valor medio, para profundidades superiores a 25 m, ata os primeiros miles de metros, compréndese entre os 35 e os 100 m.

  20. graos conxuntos [MÚS]

    Graos da escala musical que se suceden inmediatamente.

Palabras veciñas

granxear | granxeiro -ra | granxo | 2 grao | GRAPO | Grappelli, Stéphane | graptolite