gravimetría

gravimetría

(< lat grave ‘pesado’ +-metría)

  1. s f [XEOL]

    Parte da xeofísica que se ocupa da medida da aceleración da gravidade g (fundamentalmente, mediante o estudio do péndulo e da caída libre) e da medida cun gravímetro das anomalías que esta aceleración presenta.

  2. s f [QUÍM]

    Técnica de análise química cuantitativa, que se basea na determinación directa do peso da substancia problema contido nun peso predeterminado de mostra, ou na do peso dun derivado daquela substancia. O proceso dunha determinación gravimétrica inclúe a pesada e a disolución da mostra, o tratamento adecuado da solución que se obtén para separar ou enmascarar os elementos que poderían interferir na pesada final, e a precipitación do elemento desexado ou do derivado que se pesa. Case sempre se purifica o precipitado, mediante unha dixestión prolongada en contacto coas augas nais ou por nova precipitación. O precipitado, unha vez que se obtén, íllase por filtración ou lavado; sométese a algunha clase de tratamento térmico e pésase. O tratamento térmico pode ser un simple quentado na estufa, por exemplo, a 110°C; pero ás veces trátase a unha temperatura superior (ata 1.200°C nalgúns casos), co fin de convertelo nunha forma estable e de fórmula química definida. Na electrogravimetría, o elemento a determinar precipítase por electrólise, en forma elemental sobre o cátodo ou en forma de óxido sobre o ánodo, e o electrodo pésase antes e despois da precipitación. A gravimetría é unha técnica analítica laboriosa, pero que permite obter moi bos resultados.