gravitación

gravitación

(

  1. s f

    Acción e efecto de gravitar.

  2. s f [FÍS]

    In-teracción gravitacional. A gravitación é unha das catro interaccións fundamentais; experiméntana todas as partículas, con enerxía, e a partícula mediadora é o gravitón. Desde o punto de vista da mecánica clásica (newtoniana), os corpos atráense polo feito de ter masa, máis concretamente masa gravitacional. Pódese visualizar esta atracción gravitacional mediante un campo vectorial. Este campo gravitacional é un campo conservativo que deriva do potencial gravitacional. A forza gravitacional que experimenta unha masa puntual m’ para situarse nun punto r do campo gravitacional enxendrada pola masa m é F =m’ g ( r ). Esta forza é conservativa; deriva da enerxía potencial gravitacional. A expresión desta forza coñécese como lei da gravitación universal ou da atracción universal. Desde o punto de vista da relatividade xeral, o campo gravitacional é a curvatura do espacio-tempo que se orixina pola presencia da masa. Cando existe interacción gravitacional entre a Terra e un obxecto, dise que o obxecto se somete á gravidade da Terra. A forza da gravidade ou forza gravitacional experimentada por unha masa puntual m é F =m g , onde g é o campo gravitacional enxendrado pola Terra, que se denomina campo gravitacional terrestre. A masa m que aparece na expresión anterior é, de feito, a masa gravitacional; pero, dado que, de acordo co principio de equivalencia, a masa gravitacional é igual á masa inercial, que é a que aparece na ecuación de Newton do movemento, F =m a , resulta que g = a , de maneira que a aceleración a que experimenta un corpo no seo do campo gravitacional terrestre é independente da masa do corpo, e é igual ao valor do campo gravitacional neste punto. Denomínase aceleración da gravidade á aceleración que se debe ao campo gravitacional, e de-sígnase por g . Unha masa puntual situada no campo gravitacional terrestre experimenta, ademais, a forza centrífuga debida ao movemento de rotación da Terra. A forza total experimentada por esta masa puntual é o seu peso. O peso é igual á masa multiplicada pola aceleración da pesantez, que é a resultante da aceleración da gravidade e da aceleración centrífuga debida ao movemento de rotación da Terra. Non obstante , este segundo termo é moito menor có primeiro e considérase a aceleración da gravidade como a única compoñente da aceleración da pesantez; así, os termos de gravidade e pesantez resultan sinónimos. O campo vectorial formado polos vectores aceleración da pesantez é o campo de pesantez; a intensidade da pesantez nun punto é o módulo do campo de pesantez naquel punto. A unidade que se emprega para medir a aceleración da pesantez é o gal (de Galileu); o seu símbolo é Gal; 1 Gal= 1 cm/s 2 . Recoméndase empregar tamén a unidade gravimétrica, 1 u.g.= 1...m/s 2 . O valor de g cambia coa latitude (vai de 983,2 Gal nos polos a 978,0 Gal no ecuador); tamén cambia coa altitude sobre o nivel do mar (uns 0,3086 mGal/m). A atracción do Sol e a Lúa dá lugar tamén a variacións temporais do valor de g nun punto. Ás veces o valor previsto para g e o valor medido non coinciden. A diferenza entre estes dous valores é a anomalía da pesantez (ou, máis imprecisamente, anomalía da gravidade). Considerando que a superficie da Terra é un elipsoide, a aceleración da pesantez en cada punto denomínase pesantez normal (ou teórica). Pero o valor medido de g non coincide co valor teórico e cabe substituír o elipsoide polo xeoide, máis axustado á forma real da Terra. A anomalía de Bouguer, causada polas pecularidades do subsolo, ten grande interese en xeofísica.