Greenpeace

Greenpeace

Organización non gobernamental internacional dedicada á protección do medio e á difusión dos valores ecoloxistas e pacifistas. O órgano supremo da organización, presente en 40 países de Europa, América, Asia e Oceanía, é o Consello Internacional, con sede en Amsterdam. As súas principais liñas de acción céntranse na loita contra o cambio climático, a caza de baleas, a proliferación da enerxía nuclear (tanto na vertente militar como na civil), a enxeñería xenética e o emprego de elementos tóxicos na industria, así como na protección dos bosques e dos océanos e no apoio ás iniciativas de comercio xusto e desenvolvemento sostible. Para a realización das súas actividades, financiadas polas achegas dos seus socios e simpatizantes e os ingresos xerados pola venda directa de material elaborado pola organización, conta cunha estrutura profesional e unha pequena flota de barcos que serven de base ás súas campañas. Greenpeace xurdiu en 1971, cando un grupo de 12 activistas, tripulantes do buque Phyllis Cormack, lograron atrasar por uns días un ensaio subterráneo de armamento nuclear no N de Alasca; malia que finalmente non conseguiron impedir a proba, con esta acción inauguraron a estratexia que definiría a súa actividade: acudir ao lugar onde se produce unha agresión ao medio e convocar os medios de comunicación para converter a opinión pública en testemuña directa dos feitos. En Galicia, Greenpeace desenvolveu varias campañas en colaboración con outras asociacións do país, entre as que cómpre destacar a dirixida contra os vertidos de residuos nucleares na Fosa Atlántica, a unhas 380 millas (700 km) ao O da costa galega, e que conseguiu deter esa práctica en 1982. En 1993 os seus activistas penetraron na factoría pontevedresa de ENCE, onde despregaron pancartas que criticaban a súa xestión do medio. Por último, en decembro de 2002, o seu buque insignia, o Rainbow Warrior, visitou as costas galegas para solidarizarse cos afectados pola vertedura de fuel do Prestige.