gupta
-
adx
Relativo ou pertencente aos gupta.
-
s
[HIST]
Individuo da dinastía que reinou no N da India aproximadamente entre 280 e 530. Os seus soberanos emprenderon importantes conquistas e destacaron como administradores e protectores das artes. Chandragupta I (320?-335?) adoptou o título de emperador. O seu fillo Samudragupta (335?-375?) estendeu a súa influencia ata Nepal e Assam. O principal soberano da dinastía foi Chandragupta II (375?-414) e o seu sucesor Kumaragupta (414-455) gobernou sobre todo o N de India, dende Nepal ata a conca do Narbada e de Bengala ata o Indo. A dinastía decaeu a partir de Skandagupta (455-480) a causa dos ataques dos hunos.
-
Arte que se desenvolveu en India entre os ss IV e VI, aínda que mantivo unha continuidade ata o s VII na denominada arte posgupta, durante o dominio da dinastía dos gupta. Mantivo unha tendencia artística máis ou menos unitaria. Na arquitectura estendeuse o templo de tipo caitia ata que no s V se empregou a planta cuadrangular sen ábsida, posteriormente cunha cuberta piramidal. A escultura caracterizouse pola idealización e a pintura mural polo cromatismo.