halita
(< hal- + -ita)
Cloruro sódico, de fórmula NaCl, tamén chamado sal común. Cristaliza, xeralmente, no sistema cúbico, e normalmente aparece en agregados granulares, fibrosos ou en cotras, de coloración incolora ou branca, aínda que pode variar se contén impurezas. Ofrece raia branca e brillo vítreo. Presenta exfoliación perfecta segundo as caras do cubo e fractura concoidea. Facilmente recoñecible polo gusto salgado, é moi soluble na auga. Mineral de orixe típicamente evaporítica, raramente se orixina por sublimación debido á actividade volcánica. Aparece na natureza formando grandes masas sólidas sen combinar con outros oligoelementos, sal xema, ou disolta na auga do mar combinada, entre outros, con iodo ou magnesio, sal mariña. A sal xema utilízase en investigacións ópticas, na talla de lentes, prismas, e para estudios con radiacións infravermellas. Utilízase maioritariamente en alimentación e na industria química para a obtención de sodio e de cloro.