Hockey Club Liceo de La Coruña
Club de hockey a patíns fundado no seo do colexio Liceo La Paz da Coruña na tempada 1972-1973. Na tempada 1978-1979 o Liceo Banco Simeón proclamouse subcampión da primeira división e acadou o ascenso á máxima categoría do hockey a patíns español. Na tempada 1981-1982 debutou nas competicións europeas; conquistou a Copa da CERS e ademais a Copa do Rei e o subcampionato de Liga. Na tempada seguinte converteuse no primeiro club non catalán que conquistou o título da liga española. En 1984 gañou a súa segunda Copa do Rei e en 1986 a segunda Liga, título que gañou de novo na tempada 1986-1987, nun ano no que se converteu no primeiro equipo galego de calquera disciplina deportiva que se proclamou campión da Copa de Europa. Ao ano seguinte (1987-1988), en calidade de campión de Europa, participou e gañou a Supercopa de Europa e a Copa Intercontinental; ademais, nesa campaña puido revalidar o seu título europeo e obter unha nova Copa do Rei. Na tempada 1988-1989 revalidou todos os títulos conquistados na anterior, agás a Copa de Europa. Na campaña 1989-1990 voltou a gañar a Liga española e inscribiu por primeira vez o seu nome no palmarés da Recopa de Europa. Na tempada 1990-1991 gañou a súa terceira Supercopa de Europa, a quinta Liga e a quinta Copa do Rei, e na 1991-1992 gañou a terceira Copa de Europa da súa historia, que lle permitiu na campaña seguinte (1992-1993) vencer na cuarta Supercopa de Europa e proclamarse Campión Mundial de Clubs; ese ano (1993) tamén logrou o seu sexto campionato de liga. Na tempada 1994-1995 levou ás súas vitrinas a sexta Copa do Rei. A segunda Recopa de Europa conquistouna na tempada 1995-1996, na que tamén obtivo a sétima Copa do Rei, que revalidou na seguinte campaña. En 1999 sumou o segundo triunfo na Copa da CERS. O cuarto título de campión da máxima competición continental conseguiuno en 2003, ao vencer na final da Liga Europea.