industria
(
-
s
f
Destreza á hora de facer algo.
-
-
s
f
Conxunto de actividades relacionadas cos procesos técnicos que levan á transformación das materias de orixe natural ou semielaboradas en produtos acabados co fin de satisfacer as necesidades doutras actividades ou directamente as da poboación. Fundaméntase na utilización de enerxía e maquinaria nos procesos produtivos. O desenvolvemento da industria ou industrialización asóciase á denominada Primeira Revolución Industrial, a partir da que se empezou a producir máis cantidade de produtos manufacturados e a utilizar un maior número de efectivos laborais. Desde entón, converteuse nunha actividade esencial para o desenvolvemento dos territorios, de feito que a súa pegada apréciase tanto nas traxectorias económicas coma nas paisaxes que xera. Os factores de localización industrial son variados e dependendo do período de análise ou do sector industrial do que se trate poden sinalarse grandes diferencias. Nuns casos, como naqueles sectores en que se produce un incremento no valor engadido do produto nas sucesivas fases de produción, tenderase a unha localización máis próxima á materia prima, sen embargo, nas fases finais, nas empresas denominadas de montaxe, aumenta a complexidade dos factores que afectan á decisión de localización. Pero en calquera caso pódense sinalar aqueles factores que máis peso tiveron tradicionalmente, dos que destacan a man de obra, tanto pola súa presenza como polo seu custo e a súa calidade. Así mesmo unha boa accesibilidade, con situación favorable nas redes e medios de transporte posibilitan a presencia industrial; por isto as proximidades das conexións a autoestradas, portos, aeroportos ou nós ferroviarios son lugares privilexiados, tanto polas necesidades de mobilidade dos materiais e dos produtos acabados, como pola necesidade de desprazamento dos seus traballadores. Outro factor importante é a presencia dunha serie de servicios básicos para as empresas (bancos, administración, xestores, laboratorios) e os traballadores (culturais, ocio, comercio). A orixe do capital foi tamén, en principio, un factor explicativo importante, sen embargo, as concentracións financeiras tanto de carácter nacional como internacional foron suprimindo os vínculos deste sector coa localización, aínda que dentro dos denominados procesos de industrialización endóxena e local, onde as principais protagonistas son as pequenas empresas, estase atopando de novo neste factor un elemento explicativo da localización. Como resultado desta complexidade de factores existe unha gran tipoloxía de espacios industriais que van desde unha industria localizada de xeito illado no territorio ata as grandes concentracións industriais.
-
s
f
Conxunto de industrias.
-
industria conserveira
[IND]
Sector da industria dedicada á fabricación de conservas e preparados de produtos agrarios e pesqueiros. A conservación dos alimentos como medio para previr tempos de escaseza foi unha das preocupacións da humanidade. A experiencia demostrou, ao longo da historia, que existían moi poucos sistemas fiables. Soamente o afumado, as técnicas de salgadura e salmoiras, o escabeche e o aceite podían xerar medios que mantivesen os alimentos en bo estado. Estes métodos utilízanse desde a Prehistoria. Nicolas Appert, a finais do s XVIII, foi o primeiro elaborador de latas de conserva. Utilizou o baño maría para conservar por esterilización os alimentos cociñados e gardados en botes de cristal que logo tapaba con cortiza encerada. Este feito considérase a orixe da industria conserveira. Bryan Donkin utilizou botes de folla de lata en lugar de cristal. O leite non se podía enlatar, dada a fraxilidade da súa conservación pero, en 1856, Gail Borden conseguiu evaporar o leite nunha caldeira de baleiro. Ata a divulgación dos traballos de Pasteur foi o leite en conserva máis seguro e dixestivo. Das experiencias de Sir Benjamin Thompson, elaborador dos primeiros concentrados de carne, chegouse á liofilización, mentres que a aplicación da conxelación permitiu a conservación de alimentos refrixerados, conxelados e ultraconxelados. Polo tanto, a industria dos conxelados é máis recente ca a conserveira. O produto a transformar depende da zona xeográfica, así nas zonas agrarias predomina a manipulación dos produtos hortofrutícolas e nas zonas costeiras cun importante sector pesqueiro abondan as empresas procesadoras de peixe e marisco. Os principais produtos do agro que se procesan son as mandarinas, albaricoques, peras, amorodos, cereixas, cirolas, pomelos, castañas e uvas, entre outras, nas modalidades de polpa, cremoxenados, enteiros, metades, marmeladas, confeituras, néctares e zumes. Os produtos do mar que máis se conservan son o atún, a sardiña, o mexillón, o polbo e o bacallao, entre outros, nas modalidades de escabeche, en aceite de oliva, en diferentes salsas e salgadura. En Galicia, a pesca é moi importante como xeradora de emprego directo e como motor de actividade industrial, polo tanto as conservas de peixe e marisco son as que teñen maior peso dentro do sector, aínda que tamén son importantes as conservas hortofrutículas da zona do Rosal. Os complexos pesqueiros de Galicia están a un alto nivel no procesamento e manipulación dos produtos da pesca; destaca a capacidade frigorífica. As industrias de transformación manipulan o peixe, desde o simple arrefriado para conservar ata a elaboración de pratos preparados. A industria de transformación de produtos pesqueiros é tradicional en Galicia. As primeiras industrias conserveiras asentáronse nas costas galegas a finais do s XVIII, da man de empresarios cataláns. Esta industria desenvolveuse e segue evolucionando. O sector conserveiro atópase moi atomizado, xa que abondan as empresas de pequena dimensión, aínda que presenta unha clara tendencia á concentración. Caracterízase por competir en custos, xa que o factor prezo é decisivo ao non existir diferenciación de produto nin imaxe de marca, e presenta unha excesiva concentración da produción en poucos produtos; así, o atún representa case o 60% da produción. É un sector moi endebedado, moi pouco accesible a recursos financeiros externos, o que repercute no nivel de obsolescencia do seu inmobilizado material. Pola súa ligazón ao da pesca, o feito da redución das cotas de captura nos caladoiros tradicionais ameaza con incrementar os custos de produción, debido ás dificultades na subministración e no encarecemento das materias primas, e provoca unha maior competencia en prezo por parte dos produtores de países terceiros. A permanencia no sector é posible para aquelas grandes empresas que presentan economías de escala e para as pequenas que optan por unha estratexia competitiva de diferenciación. A pesar destas ameazas, o sector conserveiro ten como punto forte a calidade recoñecida das conservas galegas. Por este motivo, goza dun importante dinamismo constatado pola tendencia á alza das exportacións, que o sitúa como un dos sectores agroalimentarios con maior implantación no mercado internacional. Este sector, a escala galega, está integrado por 65 empresas, que dan emprego a 11.901 traballadores. Galicia representa o 85% da produción española de conservas de peixe e marisco. É importante o asociacionismo neste sector, xa que é unha excelente fórmula para aglutinar esforzos por intereses comúns e poder adaptarse ao novo contorno que xorde da crecente internacionalización e cambios económicos que afectan o mercado na era da “nova economía”. Reflexo disto é ANFACO (Asociación Nacional de Fabricantes de Conservas), dedicada ao peixe e marisco, que aglutina 140 empresas vinculadas co sector industrial transformador e conserveiro dos produtos do mar.
-
industria da automoción
Sector da industria que se dedica á fabricación de automóbiles, así como equipos e compoñentes para a automoción. A produción mundial de vehículos creceu en 2002 ao redor do 4,7%, aínda que o seu comportamento varía segundo os países. Destaca, por exemplo, o crecemento de China cun 39%, que despraza a España ao sétimo posto na clasificación mundial. Europa é o principal produtor de automóbiles do mundo, a súa produción en 2001 mantívose, mentres que en América descendeu a produción nun 9% e en Asia un 1%. En 2002 a produción de turismos en España mantívose nuns niveis estables, case 3 millóns de unidades fabricadas, cun crecemento do 0,19% con respecto ao exercicio anterior, onde sufrira unha caída do 6%. A economía española depende en maior grao ca a maioría dos países europeos da industria da automoción. Isto débese a que o tecido industrial é un piar económico fundamental; España é o terceiro produtor de automóbiles en Europa e o sétimo do mundo. Dos factores claves para este éxito destacan a consolidación da industria dos compoñentes e o aumento das vendas de automóbiles en Europa, mercado natural das plantas españolas. A industria de equipos e compoñentes para a automoción facturou, en 2002, 25.578 millóns de euros, dos que o 51% corresponde ás exportacións, e o resto para subministración nacional. A tendencia do mercado do automóbil vai cara a unha forte concentración, con cifras de adquisicións e fusións de centenares de miles de millóns de dólares. Existen 12 compañías con 60 marcas que venden o 90% dos vehículos do mundo e das que General Motors, Ford, Toyota e Volkswagen producen entre 4 e 5 millóns de automóbiles cada unha ao ano. Despois hai 5 medianas empresas que se sitúan entre os dous e tres millóns de vehículos: Dimler-Chrysler, Renault-Nissan, PSA, Fiat e Honda. As tres restantes xa son pequenas e oscilan entre os cincocentos mil e o millón e medio: BMW, Hyundai, Kia e Daewoo. É moi probable que a concentración continúe e que os pequenos restantes desaparezan quedando só oito ou nove grupos. Para sobrevivir, as empresas buscan a redución de custos a través das economías de escala, a redución de plataformas e a robotización. A industria de compoñentes está menos concentrada ca a do automóbil, pero segue a mesma tendencia. Corenta grupos venden o 80% da produción mundial. Esta industria é, con diferencia, a máis importante de Galicia. A economía galega é máis dependente ca a española da industria da automoción. Representa o 12% do PIB galego cunha cifra de negocios de máis de 3.606 millóns de euros e emprega a unhas 33.000 persoas entre postos de traballo directos, 21.900, e indirectos, 11.000. En 2002, este sector a escala galega facturou 7.000 millóns de euros. O volume de exportacións en Galicia foi de 4.962 millóns de euros en 2002, o que supón un 52% sobre o total de exportacións. O centro de Vigo do grupo PSA Peugeot Citroën é a plataforma chave sobre a que xira todo o sector. Emprega directamente a case 11.000 persoas, en 2002 produciu 521.600 unidades, entre vehículos e coleccións, e factura ao redor de 2.500 millóns de euros ao ano. A maior parte da produción de Vigo expórtase, concretamente o 87%. Ao redor desta planta formouse un importantísimo “cluster do automóbil” (CEAGA) que agrupa 51 empresas do sector de compoñentes e que creou un Centro Tecnolóxico de apoio á industria da automoción galega. Aínda que a maior parte da produción destas empresas, aproximadamente o 60%, se destina ao Centro de Vigo PSA Peugeot-Citroën, tamén venden a outras plantas nacionais e estranxeiras.
-
industria da madeira
Sector da industria dedicada á cadea de actividades da madeira,que abarca a actividade forestal, a industria de primeira transformación que orixina produtos semielaborados (serradoiros, empresas de taboleiros, chapa e preparación industrial da madeira), a industria de segunda transformación que proporciona produtos finais (empresas de envases e embalaxes, carpintería e mobiliario) e a actividade de comercialización. O sector da madeira e do moble, a escala nacional, conta cun gran peso dentro da industria do país polo seu número de empresas, unhas 37.000, e polo emprego que xera, uns 217.000 traballadores, dos que máis do 60% corresponden ao sector do moble e o resto a outras industrias transformadoras. O sector presenta unha gran multiplicidade en canto ao número de actividades e de empresas que o compoñen, das que destaca PEMES (o 94% das industrias teñen menos de vinte empregados e destas o 65% teñen dous ou menos de dous). Os produtos forestais teñen como principais exportadores a Canadá, EE UU, Indonesia e algúns países da UE. Como principal importador figura EE UU, seguido de Xapón, China e algún país da UE. A UE experimentou un importante aumento no peso na produción mundial, sobre todo en madeira en rolo, pero é unha zona moi deficitaria e necesita de fortes importacións para satisfacer o seu consumo. O volume total das exportacións españolas dos produtos da madeira, con excepción dos mobles, acadou en 2000 os 716 millóns de euros, cun incremento dun 13% con respecto ao exercicio anterior. Por países de destino, Portugal é o principal comprador nacional, seguido por Francia, Reino Unido, EE UU e Italia. Tendo en conta os principais produtos exportados, os taboleiros de fibra ocupan o primeiro posto, e Galicia contribúe cun 78% do total. O segundo produto son as pezas de carpintería como portas, ventás ou marcos, onde València achega máis do 60% do total. Despois están as madeiras chapadas e contrachapadas, a madeira perfilada e os envases e embalaxes de madeira. As importacións de produtos da madeira, con excepción dos mobles, en España acadou, en 2000, a cifra de 1.874,6 millóns de euros, un 13% máis ca no ano anterior. Desta cifra un 58% corresponde ás importacións de materia prima. As exportacións españolas de mobles acadaron a cifra de 1.578,4 millóns de euros en 2000, cun incremento do 15,41% sobre o exercicio anterior. Por comunidades é a valenciana a que está en cabeza, seguida por Catalunya, Euskadi, Madrid e Andalucía. Os destinos son, maioritariamente, Francia, Portugal, Alemaña, Reino Unido e EE UU. A importación de mobles en España durante o exercicio de 2000 acadou a cifra de 1.001,8 millóns de euros, un 24,94% máis ca no ano anterior. Este sector presenta unha forte concentración nunhas poucas comunidades. Así, en referencia ao nivel de negocio xerado, ocupan os primeiros postos a Comunitat Valenciana e Catalunya; a primeira destaca tamén por ser a que conta con maior número de empregados, seguida de Catalunya, Andalucía e Madrid. No referente aos diversos subsectores, a industria do serrado concéntrase principalmente en Galicia; a Comunitat Valenciana destaca en chapas, taboleiros e envases; Catalunya en carpintería; e en mobles, Catalunya e València. A actividade produtiva realizada no territorio galego representa ao redor dun terzo da produción española. Salienta a industria do taboleiro (60% da produción nacional) e as tallas de madeira e a madeira serrada (40%). Pola súa parte, a produción española é aproximadamente o 5% da produción da UE. A industria da madeira ten en Galicia grandes posibilidades, xa que o monte arborado ocupa a terceira parte do territorio galego. Especies nobres como carballos, castiñeiros, nogueiras, freixos e faias formaban o bosque noroccidental, malia que predominan os piñeiros e os eucaliptos de repoboación. Na parte industrial do sector, Galicia conta con 3.000 establecementos que dan emprego directo a 17.000 persoas e facturan uns 1.322 millóns de euros ao ano. Esta parte de emprego aínda non conseguiu desenvolver toda a súa potencialidade. Segundo as estimacións do CIS da Madeira só é obxecto dunha segunda transformación en Galicia o 10% da madeira serrada, o 11% do taboleiro en chapa e o 5% da pasta. Toda esta información revela unha certa incapacidade da economía galega para completar os ciclos produtivos e potenciar aqueles segmentos da produción que incorporan un maior valor engadido. As medidas van encamiñadas a pechar o ciclo da madeira, con novos investimentos e novas actividades, especialmente na industria do moble, e á difusión dunha verdadeira cultura da madeira en toda a comunidade. Ademais, o sector en Galicia arrastra certos problemas estruturais que frean o seu potencial desenvolvemento con dificultades que xa xorden nas explotacións forestais e que se han de reorientar de tal xeito que a súa produción satisfaga as demandas da industria da transformación. Tamén a excesiva atomización resta competitividade. Outro dos lastres no desenvolvemento deste sector é a deficiente formación na xestión e no ámbito operativo, a especialización en produtos maduros, intensivos en man de obra non cualificada, e enfocado a mercados rexionais. Todos estes puntos febles do sector estanse a minimizar co fomento da cooperación entre empresas da mesma actividade ou con producións complementarias, polo que se está permitindo unha maior capacidade competitiva nos mercados internacionais, á vez que favorece a innovación e as actividades de promoción.
-
industria do granito e da lousa
Sector da industria dedicado á extracción, manipulación e transformación dun material como a rocha natural. O granito, xunto coa lousa e o mármore, configuran o denominado grupo das rochas naturais e ornamentais que, como manufactura, son un material ligado ao sector da construción e á evolución cíclica deste sector que tradicionalmente é inestable, polo que esta dependencia repercute directamente na evolución do sector. Dentro do mesmo, faise necesario distinguir o segmento do granito do da lousa, que teñen problemas comúns pero tamén presentan singularidades. O mercado mundial do granito está moi concentrado. Este material en bruto ten como principais importadores a Xapón, Italia, EE UU, Alemaña e China (Hong Kong), acadando entre ambos aproximadamente un 70% das importacións totais. España acada unha cota de aproximadamente o 2,5% mundial como importador e do 7% como subministrador desta materia prima. Basicamente, os anteriores países absorben o 71% das importacións de granito elaborado, do que o 62% procede de Italia e China. España só alcanza o 4,3% do comercio mundial, tras Corea e Brasil. No caso da lousa, España, e particularmente Galicia, é con gran diferenza o primeiro país produtor e exportador, seguido de Francia, Reino Unido e Alemaña. Os consumidores máis importantes son Francia, Alemaña, España, Reino Unido e Benelux. Galicia ocupa un lugar relevante no conxunto español e mundial da pedra natural, no que abundan o granito, na zona occidental, e a lousa, na zona oriental. Ademais, posúe un dos parques de maquinaria máis importantes do mundo. Tanto en canteira como en transformación utilízase tecnoloxía de última xeración, malia que as empresas carecen de departamentos de I+D, debido fundamentalmente á atomización do sector. Dentro do segmento do granito é obrigado separar a extracción e a comercialización do granito en bruto, con tendencia á baixa, da industria elaboradora deste recurso. Este último subsegmento industrial mostra un forte dinamismo, un considerable incremento do investimento privado, un alto grao de valor engadido ás materias primas galegas como consecuencia do proceso transformador, unha forte xeración de emprego directo e indirecto, e unha alta internacionalización no novo escenario da economía global. Cabe destacar que un metro cúbico de granito elaborado acada no mercado exterior un prezo de venda de aproximadamente 1.300 euros, mentres que para o granito en bruto é de 250 euros. Adicionalmente, a industria elaboradora, motivada pola demanda externa e interna, acudiu a novos mercados de materias primas, basicamente India, Brasil e Sudáfrica, e procedeu á transformación das mesmas nas plantas situadas en Galicia co conseguinte efecto positivo sobre o tecido industrial, económico e social. O segmento da lousa caracterízase por unha forte vocación exportadora de manufacturas, moi focalizadas no mercado europeo e con pouco peso no mercado interior. Unha característica negativa deste sector é a excesiva atomización do mesmo. Existen en Galicia unhas 109 empresas do granito, extractoras e transformadoras, e 57 de lousa cunha facturación agregada de aproximadamente 300 e 204 millóns de euros, respectivamente (56% e 79% da produción española). Esta circunstancia ocasiona unha débil estrutura empresarial que non permite innovar e imposibilita desenvolver grandes proxectos no mercado internacional por falta de dimensión. O estancamento no comercio exterior da industria extractora está motivado por unha maior transformación interna das materias primas autóctonas, co conseguinte incremento de valor e pola aparición de materiais substitutivos noutras partes do mundo. Pola súa parte, o sector da lousa ten unha absoluta vocación exportadora, cun peso moi significativo no mercado europeo e unha forte dependencia dos grandes distribuidores do sector da construción, que son os seus principais clientes. O incremento na facturación total é significativo, debido ao crecemento da vivenda unifamiliar de segunda residencia. As perspectivas de futuro para o subsector galego do granito son relativamente boas como provedor dos mercados mundiais, aínda que a unha gran distancia dos países punteiros. Potenciouse tamén o desenvolvemento do subsegmento transformador, sen descoidar as materias primas, pola contribución á xeración de valor engadido, co fin de gañar cotas do mercado mundial aos actuais países líderes. No caso do subsector da lousa, estanse a acadar medidas destinadas a incrementar a cota de mercado na zona euro, por ser o destino principal deste produto, sen descoidar a apertura de novos mercados e redes de comercialización propias, que permitan non ter tanta dependencia do mercado europeo e dos seus intermediarios.
-
industria dos conxelados
Sector da industria dedicada á conservación mediante frío. A conxelación utilizouse comercialmente por primeira vez en 1842, pero a conservación de alimentos conxelados a grande escala non naceu ata finais do s XIX coa aparición dos refrixeradores mecánicos. Esta técnica aplícase aos alimentos máis variados, incluídos os produtos de panadería, as sopas e os pratos precocidos. Debido ao elevado custo da técnica, os alimentos conxela dos son máis caros ca as conservas, pero as súas calidades organolépticas son moi superiores. Os conxelados continúan incrementando a súa presenza entre as preferencias do consumidor, que atopan nestes produtos a resposta á demanda de alimentos rápidos de preparar; así, o maior crecemento prodúcese nos pratos preparados, segmento onde se concentran os investimentos tanto polas compañías especializadas en conxelados como polas procedentes doutros sectores. O mercado nacional de alimentos conxelados incrementou case un 4% as súas vendas no exercicio de 2002. Este incremento en volume débese, en especial, ás maiores vendas dos pratos elaborados, que obtiveron un crecemento do 10%. Tamén destaca a evolución do peixe e marisco sen preparar, que acada un 13%, se ben a súa participación sobre o mercado é do 13,6%, fronte ao 26% dos elaborados. Non obstante , o segmento de maior peso, o das verduras e hortalizas, mantense estable cun 42%. Estímase que a demanda dos produtos precociñados irá en aumento, coincidindo coa tendencia que apunta a unha menor dedicación na preparación da comida, pero sen renunciar ao contido nutritivo e ás características organolépticas. A industria dos conxelados engloba en Galicia a 28 empresas que empregan a 2.922 persoas e que facturan un total de 620 millóns de euros. Neste reconto de establecementos só se inclúen aquelas empresas que realizan algunha transformación nas substancias de materia prima, excluíndo as que se limitan a acondicionar o produto e reexpedilo. Ademais, na cifra total de 28 empresas só se contemplan as de facturación superior a 1,2 millóns de euros. A maioría dos establecementos que transforman e comercializan produtos da pesca conxelados localízanse nas Rías Baixas. Tanto a nivel galego como nacional, destaca Vigo e a súa área metropolitana. Sobresae a existencia dun gran número de PEMES e a competitividade que leva consigo nun territorio limitado, aínda que tamén ten importancia PESCANOVA, grupo líder por facturación cunha cota de mercado do 40% en España e do 50% en Portugal. Exporta o 47% da súa produción. As principais especies coas que desenvolven a súa actividade son os peixes planos, a pescada e os cefalópodos (pota e lura).
-
industria enerxética
Sector da industria dedicada á extracción e transformación das distintas fontes enerxéticas e á súa comercialización como enerxía útil. O coñecemento polo home das técnicas para o uso das diferentes fontes enerxéticas foi o motor indispensable no desenvolvemento da humanidade e o que lle permitiu pasar de vivir nunha sociedade de subsistencia a unha de benestar. Non obstante , a enerxía é un ben cada día máis caro e escaso, na súa utilización nun desenvolvemento equilibrado coa natureza. Existe unha clara relación entre desenvolvemento e consumo enerxético. As reservas probadas de combustibles fósiles, xunto coas achegas en xeración de electricidade da enerxía hidráulica e nuclear de fisión e coa paulatina incorporación das enerxías renovables, garanten durante os primeiros decenios o abastecemento enerxético da humanidade. Non obstante , a evolución do crecemento da poboación e o necesario desenvolvemento dos países de menor consumo de enerxía, onde se concentran o 75% da poboación mundial, fará que a duración das reservas diminúan progresivamente, polo que o petróleo e o gas natural se esgotarán malia que as melloras en investigación e extracción a grandes profundidades aumenten as reservas explotables. Polo que todos os esforzos se concentran en dispoñer doutras enerxías fiables, limpas, inesgotables e a un custo alcanzable a toda as economías que permitan a súa utilización por toda a humanidade. As fontes de enerxía natural máis destacadas son o petróleo, o carbón, o uranio para a enerxía nuclear, o gas natural, a enerxía hidráulica e o resto das enerxías renovables como a eólica e a solar que, aínda que pouco significativas, crecen cunha elevada marxe de rendibilidade. Dado o baixo nivel de autoabastecemento, baseado principalmente nos carbóns de alto custo de extracción e baixa calidade ambiental e as mínimas reservas de petróleo e gas, fan que os apoios ás enerxías renovables na Unión Europea adquiran en España máis forza. España ten un importantísimo potencial eólico para a xeración de electricidade, solar térmico para aplicacións a baixa temperatura e solar fotovoltaico en zonas de grande insolación e illadas que hai que aproveitar. A UE é o segundo consumidor de enerxía do mundo e o primeiro importador. Prevese un aumento da dependencia exterior do 50 ao 70% en 2020. A dependencia do petróleo é tan forte (75% e prevese acadar o 85%) que para garantir a seguridade da subministración eléctrica esíxese un reforzamento da cooperación internacional, o desenvolvemento de recursos enerxéticos propios e o desenvolvemento de infraestruturas de tránsito da enerxía. Se o petróleo foi a enerxía do s XX, o gas é a fonte de enerxía máis importante nos primeiros anos do s XXI. Estímase que en 2010, o 30% da capacidade eléctrica instalada na UE será a partir do gas natural. Estímase que un 40% da produción galega en 2010 obterase con ese combustible, pero Galicia terá que soportar un elevado custo loxístico dada a súa situación nas rutas enerxéticas. Un aspecto clave é o desenvolvemento dos recursos enerxéticos propios, e neste sentido a Comisión aprobou unha proposta coa que se pretende multiplicar por dous (12% fronte ao 6%) a parte das enerxías renovables no consumo de enerxía bruta total, o que require que se pase do 13,9% ao 22% a parte de enerxía eléctrica renovable. No caso concreto de Galicia, as centrais hidroeléctricas, térmicas, minicentrais hidráulicas e parques eólicos convertérona nunha Comunidade punteira en produción eléctrica. O crecemento do sector está a ser impulsado pola enerxía eólica e por unha incipiente produción ligada á preservación ambiental. Existen amplas oportunidades de investimento en ambas fontes enerxéticas. Así, o sector enerxético representou en 1999 un 6,5% do valor engadido rexional e un 21,13% do PIB industrial galego, cifras que poñen de manifesto a grande importancia na economía. O sector non só é moi relevante para a economía galega xa que tamén absorbe o 8,8% do valor engadido do sector enerxético español. Estas altas cifras de produción non han de ocultar que Galicia é deficitaria en enerxía. O grao de autoabastecemento de enerxía primaria foi en 1999 do 25,5% (o 74,53% é implantada). A fonte primaria interna máis importante é o lignito pardo das Pontes de García Rodríguez e Meirama. O carbón autóctono, que representa o 13,82% do consumo de enerxía primaria de Galicia, está sendo substituído por carbón importado, co fin de alongar a vida dos depósitos. Por outro lado, ante o baixo rendemento do lignito galego, as perdas que se producen na transformación da enerxía primaria galega son moi superiores ás da enerxía importada. Da totalidade da enerxía primaria galega ou de importación (en 1999, 11.493 ktep) pérdense por transformación do transporte 3.299 ktep, cantidade superior á produción galega de enerxía primaria (2.927 ktep). Por tanto, dunha produción total de 8.194 ktep (o 59,44% son produtos petrolíferos) o 54,69% consómese na Comunidade Autónoma e a porcentaxe restante expórtase. A dependencia enerxética galega medida en enerxía final acada o 63,65%. Se nos centramos na produción eléctrica, Galicia produciu en 1999 o 13,1% da produción eléctrica española. O 31,1% desta enerxía tivo a súa orixe en fontes renovables, porcentaxe moi superior ao 17,08% da enerxía verde producida en España. Sobre as enerxías renovables convén deterse, ante a súa progresiva importancia, na enerxía eólica. Galicia é a Comunidade española cunha maior potencia eólica instalada e co maior potencial de instalación a medio prazo. Actualmente a potencia en funcionamento é de 540 MW e o obxectivo para 2010 é de 3000 MW. Esta Comunidade ocupa o primeiro lugar en canto ao potencial de residuos forestais e o segundo en canto ao consumo de biomasa. Dos 42 MW en funcionamento, o obxectivo de 2010 é de 180 MW. Cabe destacar que Galicia, tanto pola súa posición xeográfica como pola diseminación da súa poboación, presenta varios problemas como o alto custo da materia prima incluídos os custos de transporte, altos custos de distribución, esgotamento das fontes autóctonas de produción e gran potencial en enerxías renovables cualitativamente valiosas pero economicamente non competitivas.
-
industria naval
Sector da industria dedicada á construción de barcos e artefactos navais. España foi unha potencia mundial da construción naval nas décadas de 1950 e 1960. Posteriormente foi perdendo cota de mercado debido principalmente a factores como aparición de novos produtores, o esgotamento do mercado e a crise económica da década de 1970. Todos os países europeos víronse afectados por esta situación e foron tomando medidas paliativas. España non o fixo ata 1984, cando aplicou o plan de reconversión, que non obtivo os resultados agardados e a industria naval española quedou nunha posición competitiva inferior. A política da UE ao respecto supón unha nova reconversión que forza os estaleiros europeos a sobrevivir sen ningún tipo de axuda estatal para ser competitivos. A curto prazo, estas medidas da UE afectan enormemente ao sector naval galego xa que os estaleiros estiveron sobrevivindo con axudas estatais polas continuas perdas. Esta baixa rendibilidade económico-financeira do sector provoca que se descapitalicen as empresas en favor doutros sectores con maior expectativa de beneficios. As causas desta baixa rendibilidade dos estaleiros galegos débese á baixa produtividade, os altos custos e a mala xestión empresarial. Isto trata de mellorarse con novos sistemas de xestión, crecentes investimentos en tecnoloxía para mellorar a produtividade e reducir custos, e redistribución dos traballos cara á subcontratación para reducir custos fixos e gañar en flexibilidade. A pesar destas melloras internas, a situación do sector non mellorou debido á irrupción dos países sudasiáticos. A creación de grandes estaleiros en Corea do Sur na década de 1990 acentuou o desequilibrio existente entre a oferta e a demanda do sector, de tal forma que na actualidade aínda existe un exceso de capacidade do 25% malia o considerable peche de estaleiros en Europa Occidental. Este exceso de capacidade pode que se incremente no futuro ante a irrupción de China neste mercado. Ante esta situación competitiva en que practicamente non hai barreiras de entrada, a agresividade acadou tal extremo que, ante a necesidade coreana de dar ocupación, os prezos situáronse entre o 11 e o 32% por debaixo dos seus custos. Así, os dous grandes competidores de Europa, Xapón como primeiro país en contratacións e Corea do Sur como segundo, están ampliando constantemente a súa capacidade de produción e reciben axudas estatais. Constrúen buques ata un 50% máis baratos que en Europa e provocou un deterioro a escala mundial dos prezos, incompatibles cos altos custos europeos. Para rebaixar aínda máis estes custos estanse a establecer alianzas e cooperacións entre os propios estaleiros e a industria auxiliar a todos os niveis. A construción naval galega constitúe un indiscutible referente no concerto internacional. A tradición marítima galega estivo sempre apoiada pola industria naval. Os estaleiros están capacitados para todo tipo de construcións, como buques de pesca, deportivos, plataformas off-shore e barcos de guerra. A situación do sector en Galicia vén enmarcada por unha apertura de mercados sen precedentes, de tal forma que se constrúen barcos e artefactos para os cinco continentes. Para garantir o mantemento desta actividade en Galicia faise fincapé en diversos factores como a especialización en segmentos de buques de mediano ou gran tamaño que incorporen unha alta tecnoloxía e a supervivencia dos pequenos estaleiros pola demanda cativa. Tras unhas drásticas reducións de cadro de persoal, a construción naval galega move ao redor de 15.000 empregos directos, concentrados na rías de Ferrol e Vigo. A problemática de ambas as dúas zonas é diferente xa que mentres que en Ferrol o accionariado dos grandes estaleiros é de titularidade pública, na ría de Vigo todos son de iniciativa privada. En canto á estrutura financeira, o sistema de garantías é lento, caro e pouco flexible e, ademais, opera sobre unha base demasiado ríxida que impide a implantación de novos sistemas coa axilidade que a situación de competencia, apertura e agresividade do mercado mundial require. Coa unificación de Astano e Bazán na ría de Ferrol pretendeuse ter un peso significativo nos mercados de barcos e artefactos flotantes de grandes dimensións, normalmente de carácter militar. A rede de construción na ría de Vigo presenta unha distribución en segmentos como a construción de barcos de mediano tamaño e a construción de pequenos barcos (buques de pesca, remolcadores) para unha demanda local, rexional e internacional aínda puxante. Nos estaleiros da ría de Vigo destacan os pedidos de buques pesqueiros para o mercado africano e sudamericano, debido a sociedades mixtas que hai establecidas cos países destas zonas. Ademais, pola nosa localización estratéxica nas rutas marítimas posuímos unha gran tradición en conversións e reparacións de buques.
-
industria téxtil
Sector da industria dedicada á produción de materias primas téxtiles e á súa transformación en prendas de vestir, roupa de fogar, calzado ou complementos. Inicialmente, esta actividade foi desenvolvida por xastres e costureiras. Durante as décadas de 1960 e 1970, o incremento da demanda provocou que parte destes oficios de carácter tradicional, derivasen cara á constitución de pequenas empresas e talleres, que se iniciaron no proceso de confección en cadea. Non obstante , non foi ata principios da década de 1980, co desenvolvemento dunha cobertura industrial de alto nivel tecnolóxico e unha promoción baixo o slogan de “Moda Gallega”, cando se produciu o recoñecemento do sector como prioritario dentro da economía nacional e en especial da Comunidade Autónoma de Galicia. O sector está constituído por aquelas empresas que souberon conxugar con éxito, factores tan diversos como capacidade produtiva, deseño, calidade e control na distribución. O crecemento deste sector contribuíu a reducir as diferencias existentes entre a economía galega e a española. Dentro da economía galega ten enorme importancia, así, a facturación global deste sector, que en 2001 ascendeu a 4.083 millóns de euros, froito da exportación uns 733 millóns. As empresas da confección empregaban, en 2001, a máis de 32.500 persoas. Ao redor do 17% do emprego industrial corresponde ao sector téxtil, así, a evolución deste sector actúa como mecanismo de crecemento endóxeno en zonas con altas taxas de desemprego feminino. O emprego que xeran as empresas de confección galegas representan un 10,5 % do total de postos orixinados en España polo sector. É unha das industrias de maior dinamismo de Galicia. Un feito destacable é que a súa achega en forma de valor engadido é dun 9,4% sobre o V.A. industrial e mentres que en case todas as actividades empresariais de Galicia se observa un claro retroceso no valor engadido por unidade vendida, no téxtil-confección constátase un valor engadido relativo crecente, o que resulta un bo indicador da súa evolución positiva. Os factores que inflúen positivamente nesta evolución son, entre outros, a boa imaxe da confección galega, a existencia de empresas con proxección mundial con experiencia en promoción, alto grao de sensibilización cara ao deseño, bo nivel tecnolóxico e potente estrutura de subcontratación, e alto poder de flexibilización. As actividades desenvolvidas polo sector téxtil en Galicia son basicamente a confección e o xénero de punto, que basean a súa oferta, principalmente, en produtos acabados do vestir, caracterizados por un alto valor engadido e un forte compoñente de deseño-moda. En Galicia hai unhas 800 empresas, das que preto de 520 son talleres e cooperativas, a maioría talleres externos que traballan para terceiros, e aproximadamente unhas 280 empresas comercializadoras. Estes talleres e cooperativas, que manteñen un número medio de 15 traballadores por empresa, constituíron o piar fundamental no que se sustenta o desenvolvemento das empresas comercializadoras, que abriron o camiño cara aos mercados internacionais e empuxaron o sector cara á súa expansión. Así, en pouco tempo, este sector situouse no cuarto posto na escala de sectores exportadores de Galicia, tras industrias tan importantes como a automoción e a pesca e diante de sectores tan tradicionais na economía galega como as pedras naturais e o conserveiro. En canto á dimensión das empresas hai que dicir que as pequenas e medianas empresas (PEME) son maioritarias na actividade téxtil, xa que teñen unha maior flexibilidade para seguir as evolucións do mercado, pero é notable a presenza de importantes empresas de gran tamaño, como é o caso de Inditex, Adolfo Domínguez, Caramelo ou Mafecco, que actúan como dinamizadoras do sector. Cabe destacar a importancia de Inditex, empresa líder no sector español, que conta con máis de 1.000 empresas repartidas por 33 países, e que acadou, en 2001, unha facturación de 3.250 millóns de euros, o que supón o 79,5% da facturación do sector. O mercado interior representou para a sociedade o 57% dos ingresos que dá emprego a 27.000 persoas. En canto á distribución territorial, destacan Arteixo, A Coruña, Vigo, Ferrol, Ordes, Boiro, San Cibrao das Viñas, Ourense, Lalín, Redondela e Santiago de Compostela. Os competidores a escala mundial son os países en vías de desenvolvemento con produtos de baixa calidade e baixo custo que compiten no segmento medio-baixo do mercado. Aínda que o mercado natural da confección galega é a rexión europea, neste caso compítese con produtos de boa calidade e alto custo situados no segmento medio alto do mercado. A escala nacional, Catalunya, València e Andalucía son os principais competidores. O principal provedor a escala mundial é China, a escala europea Italia e Francia e, por último, a escala nacional Catalunya e València.
-
s
f
-
s
f
Establecemento ou conxunto de instalacións dedicados á industria.
-
s
f
[PREHIST]
Conxunto de utensilios realizados cunha mesma técnica.