lareira
(< lar)
-
s
f
Lousa de pedra deitada sobre a que se acende o lume. Unhas veces disposta a rentes do chan, sen sobresaír del, e outras algo máis alta para que sexa máis cómodo o servicio. Se a elevación é grande, cómpre que a lousa sexa extensa para deixar por riba dela lugar para os tallos e escanos. Pode estar situada nun ángulo da cociña ou no centro, arrimada ao muro, situación que vai depender do espazo de que se dispoña xa que non é soamente a lareira o que hai que distribuír na peza. A forma pode ser rectangular, mais hainas cun entrante no lado principal para que a persoa que se ocupe do lume poida achegarse a el, máis ao xeito. Moitas veces leva cambota e, a miúdo, no seu interior sitúase o caínzo ou canizo. Moitos levan a ambos os lados, por debaixo, dous madeiros enfrontados para apoiar neles as varas en que se penduran os chourizos e outras partes do porco que cómpre afumar para que se conserven. Se non hai cambota, o canizo vai ao aire, sempre por riba da lareira. Logo, o fume vaise polo fumeiro para saír pola cheminea da casa. Un elemento típico da lareira é o caldeiro ou caldeira, en que se adoita facer a comida e que vai pendurado da gramalleira, que colga do canizo ou dunha armazón de madeira en forma de forca, o burro ou angarela, que xira sobre un eixe vertical e que fai doado afastar o caldeiro do lume. Preto da lareira está o forno, feito de pedra, para cocer o pan. Vai nun recanto da cociña, sobresaíndo polo exterior do muro cunha configuración curva. Tamén vai a carón da lareira o vertedoiro, empotrado na parede e cun fondo lixeiramente inclinado que fai ir a auga cara a un burato que sae fóra da parede para deitar a auga na rúa. Para ganar espacio, o vertedoiro sitúase nun entrante da parede en que, por riba, se abre unha xanela que lle dá luz. Esta, acostuma ter unha pequena reixa formada por dous ferros verticais ou en cruz. Labradas no mesmo muro, ou feitas en madeira, pódense ver algunhas lacenas, onde se gardan as cuncas, pratos e culleres, e provistas de porta e alzadeiro; outras veces, son dependencias en que se garda unha pequena cantidade de leña ou herba fresca. A lareira é o lugar onde se cociñaba e desenvolvía gran parte da vida cotiá, onde se procuraba a quentura do lume e se celebraban parladoiros. Era o centro da vida familiar e campesiña e ao seu redor déronse manifestacións de carácter ritual como que as ánimas se quentan alí pola noite, que non se deben varrer os restos do lume xa que alí teñen o seu fogar nocturno as ánimas dos devanceiros, ou botar o lixo recollido porque dese xeito tamén se bota a sorte da casa. OBS: Tamén se denomina lar.
-
s
f
Cociña da casa rústica ou tradicional, incluída a cambota.