Lázaro
Antropónimo masculino que ten a súa orixe na palabra aramea La’zar ‘Deus veu axudar’ que é unha das palabras que se conservan sen traducir ao hebreo (a forma hebrea sería Eleazar) no orixinal do Novo Testamento. A forma aramea chegou a partir do grego Lázaros, pero a través do latín Lazarus. Nos Evanxeos hai dous Lázaros: o pobre da parábola de Xesús Cristo, que se poñía na porta do rico Epulón para matar a fame coas faragullas que caían da mesa, e Lázaro de Betania, irmán de Marta e María, amigo de Xesús Cristo, a quen este resucitou despois de tres días de morto e enterrado. Hai outro san Lázaro (s V) que foi bispo de Milán e un santuario dedicado a san Lázaro en Santiago de Compostela, no Camiño Francés. Na iconografía aparece na escena da súa resurrección, envolto nun sudario saíndo da tumba e, a partir da época medieval, represéntase como bispo ou vestindo túnica curta, que leva como atributos un pequeno cadaleito e un bordón de dobre cruz, ou cando viste túnica curta que leva pendurado do ombreiro ou do brazo algún pelexo de animal e aos seus pés un can. A medicina popular galega converteu o pobre Lázaro do Novo Testamento en avogoso da úlcera (placa da erisipela moi inflamada e ulcerada), das queimadelas e tamén da gafura ou lepra. A súa festividade celébrase o domingo de Lázaro (o domingo anterior a Ramos).