Lazarillo de Tormes
Lazarillo de Tormes
[LIT]
Novela anónima en castelán titulada orixinalmente Vida del Lazarillo de Tormes y de sus fortunas y adversidades, escrita entre 1526 e 1535, e editada ao redor de 1554. Atribuíuselle a diversos autores, como Diego Hurtado de Mendoza, Lope de Rueda ou Sebastián de Horozco, aínda que, segundo os últimos estudios, podería corresponder a Alfonso de Valdés. Considerada o arquetipo da novela picaresca, está dividida en sete capítulos e redactada en primeira persoa cunha linguaxe sinxela. O seu protagonista, un neno de baixa clase social, descúbrelle ao lector, a través da súa relación con diversos amos, un mundo cheo de mesquindade e cobiza, onde domina a aparencia, a corrupción do clero e a fame.