libro

libro

(< lat liber, libri)

    1. s m

      Conxunto de follas de papel ou doutro material, manuscritas ou impresas, cosidas, pegadas ou fixadas entre si por calquera outro sistema, e encadernadas, que están destinadas á lectura.

    2. s m

      Publicación non periódica que ten máis de 48 páxinas.

    3. s m

      Reprodución impresa dunha obra en follas de papel reunidas por pregos e formando un todo.

    4. libro amarelo/azul/branco/gris/verde/vermello [DER]

      Colección de documentos políticos editados por diferentes estados para informar sobre un tema, defenderse de acusacións doutros estados ou acusarse dalgunha agresión, ilegalidade ou de non respectar un pacto. A súa cor varía segundo os países. Deste xeito, en Francia denomínase libro amarelo, en Reino Unido azul, en Alemaña branco, en Bélxica gris, en Italia e Portugal verde e en España vermello.

    5. libro branco

      Reunión de documentos ou informes en forma de libro sobre un tema de actualidade, publicados, xeralmente, por un organismo.

    6. libro de a bordo [MAR]

      Libro en que se rexistra a cantidade e a natureza das mercadorías que transporta unha nave, así como o nome dos pasaxeiros.

    7. libro de acordos [DER]

      Libro onde se reflicten as decisións que adopta un tribunal, que non seguen o procedemento, a vista e a sentenza dun asunto.

    8. libro de cabalerías [LIT]

      novelas cabaleirescas.

    9. libro de caixa [ECON]

      Rexistro onde se recollen as entradas e saídas de diñeiro dunha empresa con indicación da data da operación.

    10. libro de entradas BIBLIOT [BIBLIOT]

      Libro en que se rexistran os libros dunha biblioteca a medida que son ingresados. Dáselles un número de orde con independencia da sinatura que se lles atribuirá.

    11. libro de estilo [PUBLIC]

      Libro realizado por unha empresa editora, en que se recollen as normas ortográficas, léxicas e de estilo que se deben empregar nas súas publicacións e traballos.

    12. libro de familia [DER]

      Caderno que se lles dá aos matrimonios ou individuos con fillos, na que constan o matrimonio, nacementos, adopcións, defuncións, separacións e divorcios.

    13. libro de/das horas [HIST]

      Devocionario cunha gran compoñente litúrxica, escrito xeralmente en latín, aínda que podían conter algunha oración en romance, e case sempre comezaban co calendario coa indicación das festas dos santos. O contido variaba pero sempre abranguía o oficio ou horas de Nosa Señora, dos defuntos, da Paixón, do Espírito Santo ou dalgún santo de especial devoción. Destacaron J. Pucelle, que miniou as Heures de Jeanne d’Évreux (1325?), os irmáns Limburg, que iluminaron para o duque Jean de Berry Trés Riches Heures du duc de Berry, e J. Fouquet, que miniou as Heures d’Etienne Chevalier (1450). En Galicia destaca o Libro de Horas de Fernando I (s XI) e en Portugal os da Raíña Leonor, de don Duarte e de don Manuel.

    14. libro de inventarios [ECON]

      Libro comercial en que constan os activos, pasivos e balance dunha empresa.

    15. libro de misa [RELIX]

      Libro que contén os textos da misa que os fieis van seguindo.

    16. libro de navegación [MAR]

      Libro selado pola autoridade marítima que deben levar a bordo todos os barcos e en que o comandante rexistra todos os detalles da viaxe.

    17. libro de peto [PUBLIC]

      Libro de formato reducido e ampla tiraxe.

    18.  libro de reclamacións [DER]

      Libro que deben ter os establecementos abertos ao público e certos servicios estatais, en que os clientes poden formular queixas sobre os servicios.

    19. libro de sinais [MAR]

      Caderno en que figuran todos os sinais que poden facer os buques de acordo co código internacional de sinais.

    20. libro de texto [EDUC]

      Libro con explicacións sobre unha materia, e que está destinado aos alumnos dun centro de ensino.

    21.  libro dos mortos / [HIST/RELIX]

      Colección de textos de innovacións, feitizos, conxuros, oracións, himnos e fórmulas máxicas, escritos xeneralmente en rolos de papiro e con ilustracións, que se colocaban habitualmente nas tumbas dos exipcios ricos a partir do Imperio Novo, co obxectivo de permitir que o defunto superase os perigos que ía atopar despois da morte instruíndoo nas palabras que lle permitisen ingresar nos diversos estados do inframundo, e asegurar a protección dos deuses.

    22. libro maior [DER]

      Libro que se usa en dereito público para anotar as inscricións nominativas das rendas perpetuas a cargo do estado, que pertencen a comunidades, corporacións, institucións ou persoas particulares.

    23. libro parroquial [RELIX]

      Libro onde se rexistran os bautizos, matrimonios e enterros de cada parroquia. Creado no Concilio de Trento, foi o precedente do rexistro civil.

    24. libros de liñaxes

      Compilacións xenealóxicas que se presentan segundo unha secuencia descendente tanto por vía masculina como feminina. Existen tres exemplares en portugués anteriores ao s XVI: Livro velho de linhagens, Livro de linhagens do Deão e Livro de linhagens do conde D. Pedro.

    25. libros santos/sagrados [RELIX]

      Libros que conteñen a doutrina dunha relixión determinada. Normalmente fai referencia á Biblia.

    26. s m [GRÁF]

      Obra gráfica así reproducida. Os primeiros materiais coñecidos para escribir foron as táboas de arxila, que se desenvolveron en Asiria, Babilonia e Knossos, e o papiro, que se empregou sobre todo en Exipto, Grecia e Roma, co que se facían libros anapistográficos. As follas enganchábanse no costado e formaban tiras de extensión variable cos que se formaba un rolo. Nos primeiros séculos do cristianismo xeneralizouse en Grecia e Roma o uso do pergameo, e a partir dese momento comezou a usarse por ambas as dúas caras. As follas dobrábanse e formaban cadernos, que se cosían e protexían con cubertas de madeira. Así, o libro adquiriu a súa forma actual. Trala caída do Imperio Romano, a cultura quedou recluída na Igrexa e o scriptorium eclesiástico foi practicamente o único centro de produción de libros. A situación en Europa mantívose ata a estabilización da nova sociedade e a culturalización da nobreza feudal e o estamento cidadán. O labor do copista, ata o momento unha ocupación de monxes e clérigos, estendeuse e converteuse nunha profesión. Daquela xurdiron obradoiros de copia con escribáns asalariados, que escribían ao ditado. O uso do papel, sobre todo a partir da segunda metade do s XIII, facilitou a difusión do libro, pero era necesario dar cun sistema de copia máis rápido. A solución chegou da man de Gutenberg coa invención do tipo móbil e o emprego da tinta grosa e a prensa. No s XV, a imprenta resolveu problemas coa tiraxe en diversas tintas, a composición de gravados, viñetas e letras capitais no texto, a composición tipográfica da música e a impresión da foliación, dos reclamos e das sinaturas. A comezos do s XVI apareceu a portada dos libros, e no transcurso deste século, na maior parte dos países de cultura latina, o tipo gótico substituíuse polo romano ou redondo e polo itálico ou cursivo. No s XVIII tivo lugar unha expansión das artes gráficas, sobre todo en Reino Unido, na Península Ibérica, en Francia e en Italia. O bávaro Aloysius Senefelder inventou (1796) a litografía; Louis Robert inventou (1799) a máquina de facer papel, e F. Koenig presentou en Reino Unido (1811) o seu primeiro modelo de prensa mecánica. A mediados do s XIX inventáronse os gravados fotomecánicos, cos que aumentou o valor científico e informativo da ilustración. En 1884 inventaron o monotipo, e en 1887 a linotipia, que permitiron a composición mecánica do texto. Co tempo, as técnicas tipográficas derivadas do invento de Gutenberg foron substituídas por técnicas fotográficas, como a fotocomposición. En Galicia, as referencias á produción de libros comezaron na etapa medieval, en concreto no scriptorium de Monfero, onde traballou un destacado grupo de copistas e notarios. Nesa época difundíronse sobre todo libros de dereito e relixiosos, dos que destaca a Biblia, o Liber Antiphonarium, o Liber Comicum, o Liber Manuale, o Liber Oratorium, o Liber Ordinum, o Liber Passionum, o Liber Precum, o Liber Psalmorum, tamén coñecido como Psalterium, o Liber Sermorum e o Liber Spiritualem. Ademais dos relixiosos, destaca o libro de uso do Rei Fernando I e da Raíña Sancha, cun alto grao de conservación e que se localiza na biblioteca da Universidade de Santiago de Compostela. O seu contido divídese entre o salterio, os cánticos e oracións, e un ordo ad medium noctis acompañado de varias antífonas. O miniaturista foi Frutuoso, que pertenceu a unha pequena escola que floreceu en Santiago de Compostela no s XI. Por outra banda, tamén é significativa a conservación de libros relacionados co dereito, como os que se localizan na biblioteca arcebispal de Santiago de Compostela, dos que destacan o Decreto de Graciano, o Breviarium de Bernardo de Pavia, as Decretales Alexandri tercii, as Decretales Inocentii tercii, a Compilatio Nova per Magistrum Remundum facta, o Digesto de Xustiniano, o Código de Xustiniano, o Liber Sancti Jacobi ou Códice Calixtino (s XII) e o Breviario de Miranda. Durante os ss XVI e XVII a produción bibliográfica en Galicia descendeu debido ao número de obradoiros tipográficos do país, agás Santiago de Compostela. Pola contra, os libreiros, que se servían das imprentas de fóra do país, aumentou nas grandes vilas e cidades. Ademais, a medida que a burguesía acadaba máis poder económico e político, o libro espallouse e converteuse nunha ferramenta de traballo e consulta cotiá. Dos ss XVI e XVII cómpre destacar o volume correspondente ás Festas Minervais, impreso na cidade compostelá por Antonio Fraiz en 1697. No s XVIII consolidáronse en Galicia numerosos obradoiros tipográficos e, ao longo do s XIX, foron aparecendo diversos volumes, como Proezas de Galicia (1813), de Fernández de Neira, a Historia de Galicia (1838), de Verea Aguiar ou Aires da miña terra (1880), de Curros Enríquez, que reflicten o momento de renacemento cultural e literario que se está a desenvolver en Galicia. Destes anos tamén é preciso sinalar a importancia dos xornais na divulgación do libro, ben co seu patrocinio, como aconteceu con La Voz de Galicia que promoveu a colección Biblioteca Gallega, ben coa publicación de folletíns anexos ás páxinas dos xornais de máis tiraxe do momento. No s XX o libro en Galicia incrementou a súa produción. A isto contribuíron diversos factores; por unha banda, a creación das editoriais Lar (1924), impulsada por Leandro Carré e Ánxel Casal, e Nós (1927), dirixida por este último, onde tiveron cabida os máis destacados intelectuais do momento, como Otero Pedrayo, Vicente Risco, Castelao, Ramón Cabanillas e Álvaro Cunqueiro; a fundación de Galaxia en 1950 e, posteriormente, doutras destacadas editoriais como Ediciós do Castro ou Edicións Xerais de Galicia, que favoreceron a difusión do libro, especialmente en lingua galega. Pola outra, resulta significativa a maior importancia que cobra a lingua galega, sobre todo no ensino, que acapara a maior produción de títulos editados en Galicia. Así mesmo, a produción diversificouse a libros de ensaio, etnografía e imaxe, dicionarios e diversos manuais. Neste sentido, a aparición da Enciclopedia Galega Universal e do Dicionario Enciclopédico Galego Universal, ambos os dous editados por Ir Indo Edicións nos inicios do s XXI, constitúen un fito único e salientable na produción do libro galego e a confirmación da vixencia da edición en Galicia.
      A Enciclopedia Galega Universal, www.egu.es e o Dicionario de Galego www.digalego.com xa se poden consultar en Internet.

    27. libro electrónico [INFORM]

      Obra científica, literaria ou de calquer outra clase que constitua unha publicación unitaria impresa en soporte das novas tecnoloxías T.I.C.

  1. s m [ZOOL]

    Terceira das catro partes, de forma alongada, en que se divide o estómago dos ruminantes.

    1. s m

      Rexistro, semellante a un índice, onde se inclúen noticias ou datos.

    2. s m [ARQUIV]

      Códice famoso, en especial os libros de privilexios, que se coñecen polo feito de estar encadernados en pel ou tea.

    3. libro do repartimento

      Libro en que, na época medieval, se rexistraban as escrituras individuais, aprobadas polo soberano e determinadas por unha comisión de repartidores, despois da conquista dun territorio. Nos novos establecementos de poboación, especialmente nos territorios conquistados aos musulmáns, o monarca realizaba un repartimento nominal de bens e propiedades entre os que participaran na expedición, segundo os seus méritos e condición social.

  2. s m

    Cada unha das partes en que se pode dividir unha obra científica ou literaria, ou un texto legal.

  3. libro da vida [RELIX]

    Expresión que fai referencia ao coñecemento de Deus con relación aos elixidos ou predestinados á gloria, considerados como inscritos nun libro.

Refráns

  • Non hai libro tan malo que non teña algo bo.
  • Quen nun libro saiba ler, algo pode aprender.
  • Vale máis ter libros de canta, que canta de libros.