Libro de Xosé de Arimatea
Texto romance que descende do orixinal francés Estoire del Saint Graal, primeira parte do ciclo da Post-Vulgata. A tradición manuscrita está representada por 59 manuscritos dos ss XIII-XVI e por unha edición parisiense (1516). A copia portuguesa, gardada no Arquivo Nacional da Torre do Tombo (Lisboa), debeuse realizar en Lisboa a mediados do s XVI, e nela participaron 10 mans; o primeiro copista foi Manuel Álvares. A historia comeza cunha visión do autor que recibe do ceo un libro en que se relata a historia do Santo Graal. A voz narrativa manifesta que copiará este manuscrito contando todos os feitos acontecidos desde a paixón de Xesús Cristo e a actuación de Xosé de Arimatea, o seu longo cativerio e a súa liberación por mandato de Vespasiano. Seguidamente, unha voz encárgalle a Xosé que exerza o labor de misioneiro por todo o mundo levando o Santo Graal en que recolleu o sangue de Xesús Cristo. Xosé iniciou este labor evanxelizador no Reino de Sarras, daquela invadido polos exipcios. Despois de longos enfrontamentos, converteu ao cristianismo o Rei Evalac (Mordain) e o seu cuñado Serafes (Nascien), fundou a liñaxe de Galahad e logo relátanse as aventuras milagrosas destes personaxes que teñen soños proféticos, sofren tentacións e son conducidos por mans misteriosas cara ás illas. Seguidamente, Xosé, na compaña dos seus discípulos, parte para Inglaterra, deixa como guía da expedición o seu fillo Xosefés e ambos os dous prolongan por separado a tarefa evanxelizadora ao longo de 15 anos e son sucedidos por Alain, quen se dirixe a Terre Foraine onde se constrúe o castelo de Orberic para gardar o Graal. O conto termina coa historia dos descendentes de Nascien, ata chegar a Lanzarote, quen mata os dous leóns que gardaban a sepultura do seu avó.