literatura

literatura

(

  1. s f [LIT]
    1. Arte de escribir ou de ler.

    2. Coñecemento de todo o que está escrito.

  2. s f [LIT]

    Produción de obras centrada máis nun fin estético ca nun fin didáctico.

  3. s f [LIT]

    Actividade intelectual que se centra no estudo da produción literaria. Na Antigüidade clásica, a retórica dividía a gramática en dúas partes principais, a que ensinaba a falar correctamente e a que se dedicaba á explicación dos poetas e ao ensino da lectura de autores, orixe da concepción moderna da literatura. A palabra “literatura” comezou entón a designar un feito independente, susceptible de ser estudado con métodos propios e de ser considerada de diversas maneiras (crítica literaria, historia da literatura, etc) a partir dunha consideración histórica e nacional das obras literarias, perceptible desde a segunda metade do s XVIII en distintas culturas europeas. Desde Lessing, o termo designou o conxunto de obras literarias dun período e dun país determinados. Co tempo foi desenvolvendo unha tendencia cara á abstracción e o xenérico, para así poder ser aplicado ao conxunto universal de obras literarias. Estas dúas tendencias na significación da palabra modificaron a súa posición a comezos do s XIX na obra de Mme de Staël De la littérature considérée dans ses rapports avec l’état moral et politique des nations. Antes, o interese dalgúns eruditos e homes de letras manifestábase, xeralmente, na realización de catálogos de obras. Os feitos literarios poden considerarse, fundamentalmente, desde o punto de vista dunha crítica, dunha teoría ou ben historicamente. Dun xeito xeral, a crítica moderna aspira á intelección e explicación das obras, en lugar dos valores tipificados -virtudes-, como se buscaba na crítica antiga. O problema para a crítica moderna é conseguir un criterio básico, unha cuestión que adoita presentarse unida á dos presupostos teóricos do crítico e que non é, de feito, inseparable. Os principais intentos por construír unha teoría da literatura pecan dunha excesiva ideoloxización, xa que o negativo da retórica clásica non tivo como continuación a creación dunha nova retórica, senón que permitiu que os feitos literarios quedaran ao descuberto, en disposición de ser colocados e estudiados noutros campos, que ofrecían ou creaban teorizacións propias, non primariamente literarias (teorías sociolóxicas, psicolóxicas ou lingüísticas); un feito negativo para o estudio das formas literarias como tales, malia os avances interdisciplinares que poida comportar. No campo de estudo da literatura, en cambio, cómpre conciliar nun todo metódico as achegas da antiga retórica, as distintas formulacións do estudio da lingua literaria e as indubidables achegas dos métodos non estritamente literarios; e todo así configurado para a irrenunciable liberdade de opinión do crítico. Outro problema é a división tradicional das obras literarias en xéneros. Xa na época romana e con respecto á cultura grega, os autores antigos non sabían formas de etiquetar as obras literarias, e na práctica literaria aparecía, tanto como agora, a barreira de estilos, de tons e de recursos de xéneros, en teoría, perfectamente limitados. Emporiso, as distintas concepcións da literatura deben poñerse en relación moi estreita coas épocas e os momentos históricos que as caracterizan. O enfoque da obra literaria desde o autor ou desde o público tamén a transforma completamente. A literatura responde a unhas ganas de comunicación e a un afán de relación, pero estas dependen do lugar (emisor ou receptor) desde o que se considera. A visión individualista, desde a perspectiva do autor, non tería sentido se non se tomase en conta a necesidade dun receptor, dun auditor ou lector, e esta necesidade leva a postular un sincronismo, un acordo entre autor e lector, entre emisor e receptor, que ten vixencia non só na escala sincrónica, senón tamén diacronicamente (no autor clásico).

  4. s f [LIT]
    1. Conxunto de obras literarias dun pobo (literatura galega), dunha época (literatura romántica), dun xénero (literatura épica), etc.

    2. Conxunto de obras sobre un tema ou sobre unha materia, amodo de bibliografía.

  5. s f

    Escrito ou parlamento que divaga arredor dun tema concreto, no que non se ten en consideración a parte práctica ou máis interesante.

    Ex: Todo o seu discurso foi mera literatura.

  6. literatura artúrica [LIT]

    materia de Bretaña.

  7. literatura comparada [LIT]

    Disciplina da ciencia da literatura que se ocupa do estudo da literatura máis alá dos límites dun único país e das relacións que se establecen entre a literatura e outros ámbitos do coñecemento e da expresión, como a arte, a filosofía, a historia, a ciencia experimental, as relixións, etc. O comparatismo defínese, segundo Claudio Guillén, pola conciencia das tensións entre o local e o universal, sen que se privilexie ningún dos dous extremos. A súa orixe localízase en Francia, nos cursos de literatura que impartiu A. F. Villemain entre 1828 e 1840, onde estableceu comparacións de autores e movementos con outras literaturas e utilizou a expresión “Littérature comparée”. A esta iniciativa seguiron outras propostas individuais ao longo do s XIX, ás que se sumou máis tarde a fundación de cátedras universitarias, principalmente no centro de Europa, que foron configurando o seu primeiro paradigma metodolóxico, historicista e positivista. O desenvolvemento da disciplina deu lugar a dúas orientacións: a escola francesa, de corte positivista, que predominou nun comezo e atendeu as relacións directas ou causais entre obras e autores e a circulación de escolas, xéneros, motivos, etc; e a escola norteamericana, que adoptou unha inclinación teórica e se centrou nas converxencias entre diferentes expresións literarias, á marxe das relacións causais. A partir de 1970, emerxeu con forza un novo paradigma, que na estela do comparatismo norteamericano tentou superar a mencionada relación xenética causal para explicar calquera prospección comparatista, aténdose aos feitos en si. Deste xeito, a constatación dun mesmo fenómeno en dúas literaturas non vencelladas implica a aparición dun elemento teórico, isto é, dunha invariante da literatura. A consecuencia deste enfoque é a asociación preferente da literatura comparada coa teoría literaria. No que se refire á metodoloxía, existen diversas propostas: nos últimos anos destaca a clasificación de M. Schmeling das distintas estratexias comparatistas empregadas ao longo da historia da disciplina e o estudo de A. Marino, que sinala a importancia de conceptos como a lectura simultánea, a alternancia constante do comparatista entre indución e dedución e entre análise e síntese, así como a utilidade de tipoloxías, modelos, estruturas e paralelismos na análise comparatista dos textos.

  8. literatura infantil e xuvenil [LIT]

    Literatura destinada a un público infantil e xuvenil. No s XVIII desenvolveuse en Europa unha literatura infantil escrita, de carácter didáctico e moralizante. Ao mesmo tempo, os contos populares, de tradición oral, foron recollidos desde a primeira metade do s XIX por folcloristas como os irmáns Grimm e postos por escrito (1812). Perrault xa se anticipara ao publicar unha escolma de contos en 1697. Autores como Andersen escribiron contos para os máis pequenos (1835), ao que seguiron as novelas de Carroll, Collodi, Verne, Stevenson, Defoe, Twain, Joanna Spyri e Kipling, que acabaron marxinando a literatura didáctico-moralizante anterior. O libro e a revista infantil, que tamén se iniciaron no s XVIII, transformaron o seu contido e presentación, e no s XX atopamos xa libros de imaxes e historietas ilustradas. Entre os escritores e debuxantes da primeira parte do século destacan Barrie, Kaestner, Richmal Crompton e Jean de Brunhoff. Por outra banda, unha vez rematada a Segunda Guerra Mundial, constituíuse a International Board of Books for Young People que, desde 1956, concede cada dous anos o Premio Internacional Andersen de literatura infantil.

Palabras veciñas

literalismo | literario -ria | literato -ta | literatura | Lithobius | Lithodora | Lithognathus