lúa

lúa

(< lat luna)

    1. s f [ASTRON]

      Satélite natural da Terra de forma sensiblemente esférica, e cun diámetro de 3.473 km e unha masa igual a 1/81 da masa da Terra. Está a unha distancia media da Terra de 384.000 km, a aceleración da gravidade na súa superficie representa o 16% da que se experimenta na superficie da Terra e practicamente carece de atmosfera debido á pouca gravidade. As eclipses son posibles cando a Terra se sitúa entre o Sol e a Lúa e proxecta a súa sombra. O aspecto da Lúa vista desde a Terra cambia periodicamente ao variar o ángulo formado entre a Terra, o Sol e a Lúa, dando orixe ás fases lunares (lúa chea, cuarto minguante, lúa nova, cuarto crecente). O movemento real da translación da Lúa ao redor da Terra está sometido á acción gravitatoria non constante do Sol sobre o sistema Terra-Lúa e ás irregularidades que presenta a forza de atracción gravitatoria entre a Terra e a Lúa. A Lúa rota sobre ela mesma, ten un período de revolución sinódica de 29,5 días que case coincide co seu período de revolución sideria, a volta ao redor da Terra, que é de 27,3 días; como consecuencia deste fenómeno (rotación capturada), a Lúa sempre dirixe o mesmo hemisferio cara á Terra. Debido á libración, obsérvase desde a Terra o 59% da superficie da Lúa. Distínguense na superficie lunar unhas rexións escuras, ás que Galileo deu o nome de mares, e que son depresións lunares lisas recubertas de lava solidificada; e unhas rexións que por contraste coas anteriores foron denominadas terras ou continentes, que son rexións máis elevadas. Tamén ten cráteres debido ao impacto de meteoritos. Na cara visible da Lúa abundan os mares, mentres que na cara oculta estes están ausentes. A sonda luar Lunik III enviada polo rusos en 1959 fotografou a cara oculta lunar e en 1969 os estadounidenses Neil Armstrong e Edwin Aldrin co Apollo 11 foron os primeiros en pisar a Lúa. A composición química das rochas da superficie lunar foi determinada grazas ás mostras recollidas polos vehículos Luna e Apollo. A orixe da Lúa é aínda indeterminada, e hai varias hipóteses: que se orixinou por desprendemento dunha parte da Terra cando esta xiraba a alta velocidade, ou que tivo unha orixe distinta da terrestre pero foi capturada pola gravidade da Terra ao pasar cerca dela. OBS: Nesta acepción adoita escribirse con maiúscula.

    2. Período de tempo que a Lúa tarda en completar unha rotación ao redor da Terra.

  1. [ASTRON]
    1. s f

      Cada unha das fases do satélite da Terra.

    2. lúa chea

      Lúa na fase chea, en que se pode ver toda a circuferencia da Lúa.

      Sinónimos: plenilunio.
    3. lúa crecente

      cuarto crecente.

    4. lúa minguante

      cuarto minguante.

    5. lúa nova

      Lúa na fase nova, en que reflicte luz cara á Terra por estar só iluminada polo Sol a súa cara oculta. Nesta fase a lúa faise invisible.

      Sinónimos: novilunio.
  2. Calquera das fases da Lúa, no que respecta á súa influencia sobre as persoas ou as cousas. Na Galicia rural aínda se conta o tempo por lúas. A lúa nova é boa para cortar a madeira en toradas, apañar o esterco e parir as vacas, pero é mala para tinguir roupa, chocar ovos porque só sairían polos, coller as patacas da semente ou capar animais. A crecente é boa para matar os porcos e a de agosto resulta ideal para tomar os baños. A chea é boa para a sementeira das patacas. A lúa minguante é boa para sementar os legumes, coller os froitos, facer marmelada, cortar o pelo para que non saian canas, cortar as pólas, para salgar e afumar carnes; a de marzo é ideal para trasfegar o viño. Na tradición oral recóllense ditos como: “Lúa no crecente, cornos polo Ourente. Lúa nova con trevoada, trinta días mollada.”

  3. s f [ASTRON]
    1. Satélite natural dun planeta.

    2. Disco dun astro.

  4. s f [HERÁLD]

    Figura de astro que pode representarse como unha lúa chea ou simplemente lúa. Cando é redonda adoita pintarse con cara humana e como unha media lúa. Neste último caso pode aparecer nas súas catro posicións: crecente cando as puntas se dirixen cara ao flanco destro do escudo, minguante cando miran o flanco sinistro, dereita cando se dirixen cara a arriba, e revirada cando se dirixen cara á punta.

  5. s f [BÉL]

    Reforzo exterior dos baluartes que non chega a cubrilos.

  6. s f [CONSTR]

    Patio aberto ou descuberto.

  7. lúa de mel

    Primeiros días despois do casamento. Aplícase especialmente á viaxe de noivos que se fai despois de casar.

  8. media lúa

    Representación gráfica da Lúa en cuarto minguante. É o símbolo do mundo islámico. Estar de lúa. Estar de mal humor. Estar/andar/vivir na lúa. Estar alguén distraído ou sen darse conta do que acontece ao seu redor. Ladrarlle á lúa. Insultar ou manifestar ira contra algo ou alguén, a quen, pola súa posición, non lle afecta nada do que se diga. Pedir a lúa. Pedir ou pretender algo imposible. Poñer nos cornos da lúa. Loar a alguén en exceso e inmerecidamente. Prometer a lúa. Prometer algo que se sabe que non se pode cumprir. Querer coller a lúa. Pretender realizar algo imposible. Ter lúas. Ter manías.

Refráns

  • a cerco na lúa, a lagoa enxuga.
  • a circo da lúa a lame ira enxuga.
  • a circo da lúa nunca trae moita chuvia.
  • A lúa como quinta, así pinta.
  • A lúa como quinta, trinta.
  • Auga á entrada da lúa, ou moita ou ningunha.
  • Circo na lúa, lagoa dura; circo no sol, lagoa mol.
  • Lúa a pe, mariñeiro deitado.
  • Lúa cascabeleira vaise á carreira.
  • Lúa con cerco, o baixo cheo; estrela no medio, o baixo seco.
  • Lúa de minguante, cornos para diante.
  • Lúa de xaneiro non ten aparceiro.
  • Lúa de xaneiro non ten compañeiro senón a de agosto, que lle dá no rostro.
  • Lúa deitada, mariñeiro a pe.
  • Lúa no crecente, cornos polo oriente.
  • Lúa nova con treboada, trinta días mollada.
  • Lúa posta, baixa o mar en toda a costa.
  • Lúa, de xaneiro; e cariño, o primeiro.

Palabras veciñas

Lu | | Lu Xun | lúa | Lúa | Lúa | Lúa