Luxemburgo
Liñaxe soberana do condado e, a partir de 1354, do ducado de Luxemburgo, do que saíu a familia dos Salm. Tivo como fundador a Giselberto I , conde de Luxemburgo desde 1019 e de Salm, que morreu cara a 1067. A súa neta, a condesa Ermesinda I , que morreu en 1143, transmitiu o condado ao seu fillo Enrique IV, conde de Namur. O seu neto Enrique V , que morreu en 1281, dividiu os bens entre os seus dous fillos. O fillo máis novo, Valeran I , formou a liña dos condes de Ligny, de Saint-Pol e de Conversano, condes e despois duques de Brienne, duques de Pinney e príncipes de Tingry, que se extinguiu en 1680. O fillo máis vello continuou a liña principal, que accedeu ao trono de Bohemia (1310) con Xoán I , ao solio imperial con Carlos I (Carlos IV, 1346-1378), e ao trono de Hungría con Sexismundo I (1387). A derradeira representante da liña principal foi a duquesa Isabel I , que deixou o ducado nas mans do seu primo Filipe o Bo de Borgoña (1441).