minifundio
(< mini- + -fundio, terminación de latifundio)
Explotación agrícola de dimensións reducidas que se caracteriza por unha baixa rendibilidade, consecuencia dun precario nivel técnico, e cunha economía complementada con traballos noutras actividades. En xeral, explótase intensivamente pero cunha produción de subsistencia. Entre as causas que impiden o crecemento das propiedades destacan a difusión da agricultura a tempo parcial; os problemas económicos dos agricultores para adquirir novas terras; e por último, en Galicia, a cesión ou repartición tardía das terras que segue as tradicións hereditarias. As consecuencias económicas reflíctense nunha baixa produtividade incapaz de competir no mercado. O minifundio foi a forma de explotación agraria tradicional en Galicia, aínda que houbo épocas en que o tamaño variou ben por atomización na herdanza, ben por aplicación de leis de parcelación ou concentración en adaptación á situación demográfica ou económica. No Antigo Réxime, a principal misión das parcelas agrícolas era a de soster o núcleo familiar e pagar as rendas, polo que a idea de minifundio, aínda que si que o era, non existía. Na documentación dos ss XVII e XVIII quedou patente a existencia de unidades de cultivo pequenas como no Catastro de Ensenada (s XVIII), onde se describiron as pequenas parcelas de Galicia. A finais do s XIX e principios do s XX, houbo unha serie de factores que conformaron o reparto territorial como a abolición dos morgados, a desamortización eclesiástica ou a presión demográfica, e foi despois de 1890, cando aumentaron as explotacións agrícolas grazas á incorporación de terreo de monte comunal e baldíos.