1 mero
-
s
m
[ANIMAL/ICT]
Nome que reciben distintas especies de peixes da familia dos serránidos, que presentan mandíbula escamosa e unha soa aleta dorsal con 11 raios espiñentos. Son peixes depredadores, grosos e voraces que acadan un gran tamaño. Cazan á espreita, son de costumes territoriais e acubíllanse en gretas.
-
mero común/de altura
[ANIMAL/ICT]
Peixe de corpo robusto e contorno fusiforme, que pode acadar ata 150 cm de lonxitude e que presenta a rexión anterior do tronco notablemente dilatada, fociño ancho, beizos grosos e boca moi grande coa mandíbula inferior prominente. Ten un diámetro dos ollos menor ca a lonxitude preorbitaria. Aliméntase principalmente de cefalópodos e tamén de peixes e crustáceos. É moi sedentario e habita en fondos rochosos de 8 a 200 m de profundidade.
-
mero cristado/americano
[ANIMAL/ICT]
Peixe semellante ao mero común pero de aspecto máis chepudo e primitivo e que acada un maior tamaño, ata os 2 m de longo. Presenta corpo robusto e voluminoso, coa mandíbula inferior prominente, e na cabeza destaca unha crista ósea no opérculo, que corre transversalmente por detrás dos ollos. A cor é acastañada no lombo e costados e amarelada na parte inferior.
Sinónimos: cherna.