Mesa pola Normalización Lingüística

Mesa pola Normalización Lingüística

ou A Mesa Plataforma plural e independente que se creou en abril de 1986 co obxectivo de promover o uso da lingua galega en todos os ámbitos da vida social. O seu papel é o de emprender iniciativas que sensibilicen a poboación e que abran novas vías de uso da lingua en todas as áreas, así como denunciar todo tipo de agresións e discriminacións que poida sufrir a lingua galega e asegurar que se respecte o seu uso individual e colectivo. A Mesa centra as súas actividades, sobre todo, nos campos do ensino, da toponimia, da administración e do galego exterior. No ensino intenta sensibilizar a mocidade e o profesorado, esixir á Xunta de Galicia a total normalización do galego, solicitar a elaboración dun proxecto de galeguización do ensino, participar na redacción dun modelo para a normalización lingüística do ensino e denunciar os incumprimentos dos decretos que regulan legalmente o uso do galego neste ámbito. Na toponimia, promove iniciativas para favorecer o uso de formas galegas da toponimia na rotulación de estradas, na documentación e na publicidade de empresas e comercio. Na administración, solicita a total galeguización dos formularios e servizos administrativos e de atención á cidadanía, o incremento dos orzamentos para a normalización lingüística e o deseño de proxectos xerais de política lingüística. Polo que respecta ao galego exterior, traballa para promocionar e protexer o uso do galego nesas zonas, ademais de participar na creación da Mesa prá Defensa del Galego de Asturias e da Cultura da Comarca (MDGA). No comercio e na empresa, colabora con agrupacións de comerciantes ou cadeas de tendas facendo diversas campañas de información, promoción e galeguización, por exemplo, das cartas dos restaurantes. Tamén realiza denuncias e accións normalizadoras noutros ámbitos como no deporte, nos medios de comunicación, na xustiza ou na igrexa.