México

México

Estado Federal de México, situado no centro do país, entre Sierra Madre del Sur e Sierra Madre Oriental (21.355 km2; 13.096.686 h [2000]). A capital é Toluca. O eixe volcánico atravésao de O a L e é aquí onde se atopan os principais volcáns (Popocatépetl, 5.452 m e Ixtaccihuatl, 5.286 m). Ao S desta serra localízase a conca endorreica de México. O clima é fresco a causa da altitude e as precipitacións moderadas. A agricultura é un dos principais recursos e destaca o cultivo do trigo, millo e cana de azucre. Ten unha gran variedade de recursos minerais, dos que destaca o chumbo, o cinc, o cobre, o mercurio, a fluorita e a prata. Constitúe un centro de inmigración importante debido á concentración da industria.