Mostra de Teatro Cómico e Festivo de Cangas
Festival de Teatro organizado pola Agrupación Cultural Xiria en Cangas do Morrazo desde 1984. Contou na súa dirección coa colaboración de Henrique Harguindey, Xosé Manuel Pazos, Casilda García e María Xosé Mariño. Desde o primeiro momento, os organizadores prestaron especial atención a espectáculos do exterior que dificilmente se podían ver en Galicia, e así pasaron pola Mostra compañías e intérpretes como Teatro de la Danza, Cambaleo, Trapu Zaharra, Teloncillo, A Barraca, Ángel Paulovski, Colombaioni ou Geroa, ademais de colectivos galegos. Tamén se organizaron debates, cursos e outras actividades como exposicións, conferencias e presentacións de revistas e libros, xunto coa organización en 1997, 1998 e 1999, das tres edicións dos Encontros de Reflexión do Teatro de Galicia e o Norte de Portugal (Teatragal).