Nós

Nós
[PUBLIC]

Revista publicada en Ourense a partir do 30 de outubro de 1920. Cesou en xullo de 1936, co inicio da Guerra Civil Española. Subtitulada “Boletín mensual da cultura galega”, funcionou como órgano de expresión do grupo Nós e supuxo un fito para o desenvolvemento da cultura galega desde o punto de vista nacionalista ao tempo que aberto a Europa. Fundada por Vicente Risco e Arturo Noguerol, que ocuparon os cargos de director e administrador, respectivamente, recolleu a experiencia da súa predecesora, La Centuria (1917-1918), creada tamén por V. Risco. Xunto con el estiveron Xulio Gallego, como secretario; Xabier Prado Lameiro, redactor xefe; e Castelao, director artístico; e como redactores Losada Diéguez, R. Cabanillas e González Salgado. Na lista de colaboradores figuraron case todos os integrantes das Irmandades da Fala, como A. Noriega Varela, R. Cabanillas ou Lugrís Freire, e intelectuais portugueses como Teixeira de Pascoaes, Leonardo Coimbra ou Alexandre Córdova. De periodicidade mensual, mantivo sempre a redacción en Ourense, no domicilio de V. Risco, pero a administración e a impresión variaron. Ata xullo de 1923 editouse nos obradoiros do xornal ourensán La Región. Tras unha interrupción de dous anos por mor de problemas económicos, Ánxel Casal fíxose cargo dela en xullo de 1925 e pasou a imprimirse en Pontevedra, nos obradoiros de Poza Covas, para logo trasladarse á Coruña, á editorial Lar, fundada por Á. Casal e L. Carré. Alí imprimiuse entre febreiro de 1931 e xullo de 1935. Tras a ruptura con L. Carré, Á. Casal instalouse en Santiago de Compostela, onde se editou ata o seu cese definitivo. Peza fundamental na construción da identidade nacional, o seu aspecto gráfico estivo moi coidado e contou con traballos de Colmeiro, Camilo Díaz Baliño, Carlos Maside, Luís Seoane ou Luís Huici. Incluíu traballos sobre antropoloxía, etnografía e folclore, e mantivo un forte contido ideolóxico, tendo como referentes o celtismo, o lusismo histórico, Irlanda como soño de liberdade nacional e a defensa da lingua dentro dunha nova Europa onde había que integrar o galego. Contou cunha sección de literatura onde se publicaron fragmentos das obras máis importantes dos autores desa xeración reunindo unha completa escolma de escritores tradicionais e da vangarda. A revista abriuse tamén á literatura irlandesa coa publicación da primeira tradución en España de dous capítulos de Ulysses de Joyce, a cargo de R. Otero Pedrayo, sen esquecer as traducións de Cunqueiro dos poemas de Hölderlin e os numerosos estudos que propiciaron a apertura da literatura galega cara a Europa.

Palabras veciñas

nós | Nós | Nós | Nós | Nós | Nós | Nós